• Lecer
  • 18 de agosto de 2018

Federación COGAMI Pontevedra organiza a 1ª Copa ENCE de Slalom Inclusivo


A Federación provincial COGAMI Pontevedra organiza a 1ª Copa ENCE de slalom inclusivo, unha proba deportiva náutica que se vai desenvolver a favor da inclusión das persoas con discapacidade nas actividades de deporte e lecer náutico.

Financiada por ENCE, esta competición consistirá nunha proba de regularidade na que as persoas participantes deberán completar un slalom con diferentes obstáculos no tempo establecido pola organización, acumulando bonificacións a medida que se vaian superando os obstáculos propostos. Non gaña quen antes chegue, senón quen complete o percorrido no tempo establecido e sume máis bonificacións.

As persoas que estean federadas na Federación Galega de Motonáutica poderán participar, sendo o 16 de agosto o último día para inscribirse. No caso de non estar federados, haberá que facelo tras abonar 35 euros nos que incluirase a taxa do seguro.

Estímase que participen ó redor de 30 persoas, con ou sen discapacidade, que competirán en parella gobernando a embarcación. A proba realízase empregando embarcacións a motor adaptadas, as cales contan cunha rampla para acceder a elas directamente coa cadeira de rodas. Este sistema fai posible que as persoas participantes ancoren a cadeira á embarcación e piloten con seguridade.