Adisbismur organiza un torneo de baloncesto que enfrontará a oito entidades de persoas con discapacidade

Un ano máis, a asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros (Adisbismur) organiza un torneo de baloncesto inclusivo que vai xuntar no polideportivo de Serra de Outes a persoas usuarias doutras entidades afíns.

Ás 11 da mañá do mércores, 17 de outubro, iniciará un torneo no que, aínda que vai haber vencedores que levantarán o trofeo, o importante vai ser que van pasar todas as persoas asistentes unha xornada deportiva e de lecer, onde diferentes asociacións van poder convivir e compartir durante a xornada.

Ata Serra de Outes vanse desprazar as entidades Íntegro da Costa da Morte, Avante de Val do Dubra, Misela de Noia, Ámbar da comarca da Barbanza, Amarai de Arzúa e Terra de Melide, o centro de recursos de Medelo que ten COGAMI en Silleda e tamén está convidada a asociación A Creba de Noia.

As normas do campionato están claras: cada partido durará 8 minutos; a vitoria suma 2 puntos, o empate 1 punto, os dous primeiros de cada grupo pasan ás semifinais e, en caso de empate, priorizarase no equipo que lograra máis vitorias nos partidos de clasificación.