Ámbar celebra a VI Carreira pola Diversidade

Abertas as inscricións para a VI Carreira pola Diversidade que organiza a Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional, sendo este o seu sexto ano consecutivo. A proba terá lugar o domingo 19 de xullo. Nesta ocasión dada a situación de alarma sanitaria, a carreira realizarase de maneira individual.

A “Carreira pola diversidade” desenvólvese coa intención de servir de inspiración a todas as persoas con discapacidadel que ven limitada a práctica deportiva na súa comunidade, creando coa axuda de todos os participantes, un catálogo de rutas con valoracións da accesibilidade, nas que poidan practicar a carreira popular no seu concello.

A diferencia dos anos anteriores, cada deportista realizará a proba na súa propia vila, elixindo a ruta de 5 km que prefira, e remitíndoa posteriormente á organización cunha valoración da accesibilidade percibida segundo os criterios de valoración indicados pola entidade. O reto nesta edición consistirá en rexistrar circuítos accesibles para a práctica deportiva ao aire libre en todos os concellos de Galicia e outros fóra dela, polo que non se dará relevancia aos tempos de execución senón á accesibilidade e calidade dos mesmos. 

As probas darán comezo as 10:00h da mañá, e poderán desenvolverse ao longo de todo o día. As persoas participantes deberán subir unha foto ao iniciar o percorrido na súa conta de Facebook, e etiquetar á Asociación Ámbar. Ao longo das vindeiras semanas Ambar colgará nas súas redes sociais e páxina web información e recomendacións para levar a cabo a carreira. Ante calquera dúbida pódese consultar o regulamento da carreira.

Esta carreira que superou os 300 participantes na súas edicións anteriores, quere seguir sendo un exemplo de deporte inclusivo dentro e fóra da comarca.

Inscricións

A inscrición poderá facerse en Galitiming sendo a data límite o día 17 de xullo ás 23:59 horas. Ademais, nesta mesma páxina web, existe a posibilidade de facer a inscrición do “Dorsal 0” e colaborar de maneira solidaria neste evento.

A cota de inscrición é de 5 € e a recadación será destinada á adquisición de material para a prevención do contaxio por COVID-19, para as persoas con discapacidade intelectual.

As modalidades de inscrición son as seguintes:

Modalidade 5.000 m Zapatilla

Modalidade 5.000 m Hand Bike.

Modalidade 5.000 m Cadeira de atletismo.

Modalidade andaina (menos de 5.000 m).