Asotrame imparte unha actividade de sensibilización no CEIP Zalaeta

A Asociación Galega de  Trasplantados de Medula Ósea,  Asotrame, acudirá mañá xoves 15 de novembro ás 12:30 da mañá ao CEIP Zalaeta para realizar unha actividade de sensibilización co alumnado de 5º e 6º de primaria.

A actividade, enmarcada dentro do programa “Reflexos de Vida”, desenvolto pola entidade, consiste nunha serie de dinámicas e explicacións sobre o valor da solidariedade, aspecto fundamental na educación dos máis pequenos.

Desde a entidade, afirman que “comezar a traballar estes valores desde idades temperás, é fundamental para crear cidadáns comprometidos coa sociedade, o cal repercutirá de maneira moi positiva o día de mañá”. E é que deste xeito, os nenos e nenas concienciaranse desde ben pequenos da importancia de facerse doantes de medula ósea, de ser solidarios, de axudar aos demais.  

Nesta actividade participarán un total de 100 nenos e nenas, que coñecerán máis a fondo o traballo da entidade, de mans do seu equipo de traballo e dos seus voluntarios. A idea da entidade é continuar desenvolvendo este programa noutros centros da provincia da Coruña, levando así esta mensaxe ao maior número de escolares posible.