Carpa informativa de AODEM polo Día Mundial do Párkinson


Representantes da Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple, ELA, Parkinson e outras enfermidades neurodexenerativas (AODEM) estarán baixo unha carpa informativa o vindeiro 11 de abril, Día Mundial do Párkinson, situada na Rúa do Paseo a partir das 11 horas e ata as 19 horas.

AODEM aproveita esta data para xerar unha campaña de sensibilización baixo o lema “En 2040 o Párkinson será a enfermidade grave máis común. Coñecela é o primeiro paso para combatela”.

O Párkinson é un trastorno neurodexenerativo que afecta ao sistema nervioso central de maneira crónica, progresiva e invalidante. Non ten cura, é a segunda enfermidade en prevalencia tralo Alzheimer e estímase que afecte a máis de 160.000 persoas en España e 7 millóns en todo o mundo.

Os últimos estudos apuntan que os trastornos neurolóxicos son a principal causa hoxe de discapacidade e o Párkinson é a enfermidade neurolóxica con maior índice de crecemento, estimando que en 2040 se converta nunha pandemia, afectando a 12 millóns de persoas en todo o mundo.