Medelo contará cun posto na Feira Histórica do Dezaoito onde expoñen os labores manuais que realizan no centro


Se hai unha feira ou un evento próximo ao centro de recursos que COGAMI ten en Medelo, pois dende o centro non perden a oportunidade de asistir. Desta vez estarán durante o sábado, 15 de xuño, na Feira Histórica do Dezoito que se desenvolve en Troáns, no concello de Cuntis.

Esta feira vai contar con postos de artesanía e produtos ecolóxicos tradicionais da zona, e un destes postos exporá á venda dos traballos artesanais que as 27 persoas usuarias realizan nos obradoiros prelaborais de cestería, coiro e tecidos cando acoden de luns a venres ao centro de recursos de Medelo. Traballos en coiro como bolsos, pulseiras ou carteiras, alfombras elaboradas con fíos ou cestas de vimbio, son algunhas das creacións que exporán no posto que teñen habilitado na feira.

A asistencia a este tipo de eventos supón unha oportunidade para visibilizar o labor que realiza no centro que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade ten en Medelo e tamén para amosar ao resto da sociedade as capacidades das persoas con discapacidade.