14 persoas finalizan o curso de Operario de Limpeza Viaria do Punto Formativo Incorpora de Lugo
  • Novas
  • 11 de julio de 2019

14 persoas finalizan o curso de Operario de Limpeza Viaria do Punto Formativo Incorpora de Lugo

(Lugo, 11 de xullo de 2019).

O pasado 4 de xullo finalizaba en Lugo o curso de Operario de Limpeza Viaria que se estaba a impartir nas instalacións da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), entidade colaboradora do programa Incorpora de “la Caixa” en Galicia.

Esta formación, que ten por finalidade dotar de competencias necesarias para traballar ás persoas participantes, iniciaba o pasado 8 de abril cunha duración de 300 horas repartidas en 100 horas de capacitación técnica, 120 horas de prácticas e 80 horas de competencias transversais. O curso rematou o pasado 4 de xullo, con 14 persoas participantes, e para poder formar parte do mesmo era necesario cumprir requisitos como estar en risco de exclusión social, é dicir, persoas con discapacidade, persoas privadas de liberdade, en liberdade condicional, persoas ex privadas de liberdade, persoas privadas de liberdade en 3º grao, inmigrantes, mocidade, mocidade tutelada, mocidade extutelada, maiores de 45 anos, mulleres vítimas de violencia de xénero, ex toxicómanos, persoas sen fogar e persoas entre 30 e 45 anos en situación de vulnerabilidade.

O punto formativo Incorpora situado nas instalacións de COGAMI en Lugo (centro de recursos de Fingoi na rúa da Luz nº4) colabora con empresas da cidade co fin de que o alumnado que remata os cursos poida ter a oportunidade de realizar prácticas e así, ter un primeiro contacto coa realidade do sector. Nesta ocasión, foi a empresa URBASER a que abriu as súas portas e compartiu a súa experiencia coas persoas asistentes a esta formación, que rematou coa contratación de sete das persoas participantes na mesma.

A través destas formacións, o que se pretende é facilitar a inserción laboral a aquelas persoas que teñen máis dificultades para acceder ao mercado laboral, ás que se lles proporciona formación específica e práctica. Cabe resaltar que tamén as empresas son beneficiarias destas iniciativas sociais porque poderán contar con persoal cualificado, mellorar as súas políticas de responsabilidade social e, sobre todo, apoiarán a diversidade das persoas.

 

PROGRAMA INCORPORA

O programa Incorpora abre en 2015 un punto de formación nas instalacións que ten COGAMI en Lugo (Rúa da Luz, nº4), co fin de mellorar a integración sociolaboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social, xerando oportunidades de ocupación na empresa ordinaria con apoio e seguimento por parte do persoal técnico do programa.

Dende que se desenvolve este programa en Galicia, xa foron impartidos 10 cursos nos que participaron un total de 200 persoas. De todas estas persoas que se formaron, un total de 78, o 39%, lograron inserirse laboralmente.

Os cursos impartidos ata o de agora foron de: xardinería, operacións auxiliares de oficina e procesamento de datos, auxiliar de caixa, dependente para superficies alimentarias, limpador de cristais e inmobles, xestión de stock e control de caixa, auxiliar de atención ao público e limpeza viaria e xestión de recursos.