6 de marzo: Día Mundial do Linfedema
  • Novas
  • 05 de marzo de 2020

6 de marzo: Día Mundial do Linfedema

A Asociación Galega de pacientes de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia venosa crónica e outras patoloxías vasculares periféricas (AGL), entidade que forma parte de COGAMI, únese aos actos de conmemoración organizados para o Día Mundial de Linfedema, o 6 de marzo, co fin de concienciar sobre unha doenza que en Galicia estímase que lle afecta a 50.000 persoas, das que 3.000 son mulleres que a desenvolven tras ser intervidas por cancro de mama.

O feito de dedicar unha data a unha doenza como é o linfedema ten por finalidade o unir  esforzos para educar e sensibilizar á sociedade, demandar mellores opcións de tratamento e máis fondos para a investigación médica, desenvolver programas educativos para profesionais da saúde e contar cun mellor acceso á atención especializada para as persoas que viven con linfedema.

Co feito de sensibilizar á cidadanía, AGL ten programas algunhas actividades en diferentes localizacións para o 6 de marzo:

Santiago: colocación dunha mesa informativa na entrada principal do Hospital Clínico Universitario (CHUS) de 10:30 a 13:30 h.

Ourense: colocación dunha mesa informativa no espazo habilitado da entidade dentro da oficina das asociacións no Hospital Universitario de 11 a 14 horas.

Ás 14 horas manterán unha xuntanza co xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Vilagarcía de Arousa: no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa realizarán unha conferencia ás 19 horas que leva por título Apálpate e que está organizada por AGL e ADICAM, a través da cal falarase da importancia da autoexploración para a detección precoz do cancro de mama.