A accesibilidade, o SIL e a contratación social, temas abordados por COGAMI e o Alcalde de Ames durante unha xuntanza
  • Novas
  • 17 de octubre de 2019

A accesibilidade, o SIL e a contratación social, temas abordados por COGAMI e o Alcalde de Ames durante unha xuntanza


O alcalde de Ames, José Miñones, mantivo unha xuntanza co vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, para coñecer de primeira man a contratación social responsable que a entidade está a levar a cabo. Esta toma de contacto co goberno de Ames tamén permitiu avanzar no traballo que desenvolve COGAMI en Ames e os futuros proxectos que se poidan levar a cabo conxuntamente.

Outro tema abordado foi a accesibilidade e o plan de acción de adaptación dos edificios municipais que está a levar a cabo o Concello, como a eliminación das barreiras dos edificios do Pazo da Peregrina e das oficinas de Servizos Sociais do Milladoiro. O Rexedor trasladoulle ao Vicepresidente de COGAMI que o investimento para a mellora da accesibilidade en Ames supera o millón de euros nos últimos catro anos. Dende COGAMI ofrecéuselle o servizo de Accesibilidade co que conta a Organización e que é especialista na materia.

Tamén se referiron na xuntanza ao centro especial de emprego Dixardín que realiza traballos de conservación, limpeza e mantemento no parque do Pazo da Peregrina e no paseo fluvial de Bertamiráns. Co fin de poder seguir colaborando, dende o Concello comprometeuse a estudar a posibilidade de acudir á fórmula da contratación socialmente responsable para a licitación de servizos establecida na nova Lei de contratos.

Nesta xuntanza tamén xurdiu a posibilidade de abrir un punto de atención do Servizo de Intermediación Laboral, que atende actualmente a 297 persoas con discapacidade do concello de Ames. Na vindeira semana levarase a cabo unha reunión técnica coa Concellería de Servizos Socias para avanzar nas colaboracións futuras.