A asociación Adisbismur navega no veleiro accesible Laion de COGAMI
  • Novas
  • 10 de julio de 2017

A asociación Adisbismur navega no veleiro accesible Laion de COGAMI


Un ano máis, e con este xa van quince, o veleiro Laion de COGAMI levanta áncora, iza velas e sae navegar pola costa galega levando a bordo persoas que ao mellor non tiñan a oportunidade de achegarse á navegación, por carecer esta dun entorno accesible ás súas necesidades. Un ano máis, bota a navegar o proxecto GAVEA (Galicia Vela Adaptada).

Durante os días 13 e 14 de xullo, o veleiro estará atracado en Muros para realizar as travesías pola ría con persoas usuarias da Asociación de Persoas con Discapacidade da Bisbarra de Muros (ADISBISMUR). Durante estes dous días,  as quendas de embarque serán de 11 a 14h. e de16 a 19h. e participarán grupos de 6 persoas usuarias acompañadas de 2 profesionais da entidade.

O xoves, 13 de xullo, a alcaldesa de Muros, María Xosé Alfonso Torres, vai estar acompañando ao primeiro grupo que vai embarcar no veleiro, xunto co presidente de ADISBISMUR e vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo Lestón. A alcaldesa subirá a bordo e firmará no libro de visitas do veleiro, como fixeron anteriormente outras autoridades locais dos concellos nos que atracou o Laion.

O Laion é un veleiro que foi incautado en 2002 ao narcotráfico e, dende que o ten cedido en garda e custodia a asociación membro de COGAMI Adisbismur - Asociación de Personas con Discapacidade da Bisbarra de Muros- posibilita que as persoas con discapacidade poidan participar en actividades náutico-deportivas. Dotado de adaptacións como son un guindastre ou uns asentos ou backets, o Laion permite que as persoas con mobilidade reducida poidan subir ao barco e gozar da travesía.

O GAVEA permite a participación en actividades náutico- deportivas a todas as persoas, derribando as barreiras que impiden o uso do medio mariño. Dende que iniciou este proxecto, máis de 4.000 persoas participaron no mesmo. Esta actividade de lecer é unha das máis demandadas polas persoas usuarias dos centros e entidades de COGAMI.