A asociación Agora de Monforte participa nun programa de respiro en Poio
  • Novas
  • 12 de julio de 2018

A asociación Agora de Monforte participa nun programa de respiro en Poio

Dende o 6 ao 12 de xullo as persoas usuarias do Centro de Día e Vivendas Tuteladas xestionadas pola asociación AGORA de Persoas con Discapacidade da comarca de Lemos, están a participar nun programa de respiro familiar, unha semana de vacacións e descanso, e unha oportunidade para gozar dunha actividade de lecer en igualdade de condicións, á que se apuntaron un total de 28 persoas, entre usuarias e persoal laboral do centro.

 

Este ano Poio (Pontevedra) foi o lugar elixido para pasar uns días de lecer, tempada que aproveitarán para realizar diferentes visitas a lugares de interese como Vilanova de Cerveira e o Acua Museum, ou paseos pola cidade de Pontevedra; así como participar nunha xornada lúdica co Club “Sen Amarras” navegando en barcos totalmente accesibles polo río Miño, e visitar ás/os compañeiras/os de Centro de Recursos para Persoas con Discapacidade que COGAMI ten en Mos. As actividades organizadas foron planificadas e escollidas polas persoas usuarias como unha actividade máis que fomenta  o seu proceso de autonomía persoal.

 

Esta viaxe está enmarcada dentro do proxecto de lecer inclusivo que a entidade vén desenvolvendo dende hai sete anos coa finalidade de proporcionar unha experiencia de vida diferente, nun ambiente novo, cun programa de actividades o suficientemente flexible para poder adaptalo ás necesidades de cada persoa, proporcionando tamén o necesario “respiro” para a familia, e tamén, para a persoa con discapacidade en relación á propia familia.

 

En anteriores ocasións, as viaxes foron a Portugal, Bilbao, Oviedo, Ribadeo ou Ponferrada. Intentan cambiar cada ano de destino para así ter a oportunidade de coñecer novos lugares, deseñando eles mesmos as visitas e os lugares aos que ir.