• Novas
  • 27 de julio de 2017

A asociación Agora de Monforte participan nun programa de respiro na Mariña

Dende o 7 ao 13 de xullo tivo lugar o programa de respiro familiar da Asociación AGORA de Persoas con Discapacidade da comarca de Lemos, unha semana de vacacións e descanso á que se apuntaron persoas usuarias do centro de día e de vivendas tuteladas da entidade, acompañadas por persoal laboral do centro, conformando un total de 29 persoas.

Este ano A Mariña foi o lugar elixido para pasar uns días de lecer, en concreto os apartamentos totalmente accesibles Casa Fandín (Ribadeo), tempada que aproveitaron para realizar diferentes visitas a lugares de interese como Ribadeo, Viveiro, Rinlo, Vegadeo, Taramundi e Teixois. Pero tamén tiveron a oportunidade de achegarse ao Ribadeo Indiano, para o que elaboraron os traxes nun taller que desenvolveron no centro de día de Agora contando co persoal que se incorporou á entidade no pasado mes de xuño a través do programa Ben Empregado da Deputación Provincial de Lugo.

Esta viaxe está enmarcada dentro do proxecto de lecer inclusivo que a entidade vén desenvolvendo dende hai seis anos coa finalidade de proporcionar unha experiencia de vida diferente, nun ambiente novo, cun programa de actividades o suficientemente flexible para poder adaptalo ás necesidades de cada persoa, proporcionando tamén o necesario “respiro” para a familia, e tamén, para a persoa con discapacidade en relación á propia familia.

En anteriores ocasións, as viaxes foron a Portugal, Bilbao, Oviedo, Ribadeo ou Ponferrada. Intentan cambiar cada ano de destino para así ter a oportunidade de coñecer novos lugares, deseñando eles mesmos as visitas e os lugares aos que ir.