A asociación AGORA realiza visitas virtuais para coñecer a cultura e historia de Monforte
  • Novas
  • 17 de abril de 2020

A asociación AGORA realiza visitas virtuais para coñecer a cultura e historia de Monforte

O centro de día que ten a asociación AGORA de Monforte permanece pechado dende o día 14 de marzo, data na que se decretou o estado de alarma no país. O peche das instalacións non implica o cese da actividade. Aínda que houbo que facer cambios na operatividade, todos os días os profesionais do centro manteñen o contacto coas persoas usuarias por teléfono ou por vídeo conferencia para saber como están, que necesidades teñen e tamén para poñerlles actividades de mantemento.

Unha destas actividades levouse a cabo on line, a través dunha vídeo conferencia coa Rede Museística Provincial de Lugo. Guiada pola propia xerente da Rede, Encarna Lago, un grupo de persoas de AGORA puideron coñecer máis detalladamente a historia do Museo Pazo de Tor e visitar as instalacións de maneira virtual. Para a vindeira semana, está previsto volver realizar outra visita virtual coa Rede Museística, para seguir coñecendo a cultura local e tamén para poder realizar actividades que permiten pasar mellor a estadía na casa.

Ante a brecha dixital que se vive sobre todo en zonas rurais, dende a asociación AGORA intentan superala mediante o envío por correo postal de exercicios para aquelas persoas que non dispoñen de conexión on line. Para os que si a teñen, todos os días en horario de 12 e 16:30 horas reciben clases de habilidades sociais, logopedia, ximnasia de mantemento ou apoio emocional, ademais doutras actividades que pretenden mellorar a independencia física e motora das persoas, minimizando os procesos dexenerativos e potenciando as capacidades.

A asociación AGORA, que é membro de COGAMI, encárgase tamén de levarlle a medicación e a compra de alimentos a unha persoa que vive nunha parroquia que carece de tendas de alimentación e de transporte adaptado ás súas necesidades. A persoa chama unha vez á semana para encargar os produtos que precisa e, dende a asociación, fanlle a compra e lla entregan.