A asociación ConArtritis-Santiago entra a formar parte da Federación COGAMI Coruña
  • Novas
  • 09 de abril de 2019

A asociación ConArtritis-Santiago entra a formar parte da Federación COGAMI Coruña


O número de entidades que forman parte da Federación COGAMI Coruña incrementou durante a XXI Asemblea Xeral Ordinaria celebrada pola Federación en Santiago de Compostela. Por maioría absoluta aprobouse a entrada da delegación en Santiago da asociación ConArtritis-Santiago, unha entidade ofrece orientación e acompañamento aos pacientes e reivindica a visibilización e a sensibilización social sobre a enfermidade da artrite.

Dende Madrid chegou o presidente da Coordinadora NAcional de Artritis ConArtritis, Antonio Ignacio Torralba, que agradeceu a entrada en COGAMI e quen afirmou a necesidade de crear asociacións representativas da enfermidade crónica porque “a sanidade cubre todo pero temos desamparo en servizos sociais”.

Antonio explicou tamén que dende a entidade que preside prestan servizos para persoas socias e familiares, dende taichi, balneoterapia, servizo de asesoramento, de psicoloxía e realizan campañas de sensibilización como a iluminación de edificios públicos durante o Día Mundial da Artrite Rematoide (12 de outubro), a realización de cadeas humanas para facer visible a doenza ou a actividade `Un café con artritis´ onde che invitan a tomar un café cunhas luvas especiais para evidenciar o complexo que resulta realizar esta actividade cando as mans están afectadas pola enfermidade.

Con esta incorporación, a Federación COGAMI Coruña engloba un total de 24 entidades, converténdose na federación provincial con máis representatividade das catro que conforman COGAMI.

ConArtritis-Santiago

ConArtritis-Santiago é unha delegación fundada en 2018 que pertence á Coordinadora Nacional de Artritis (ConArtritis), coOrdinarian máis de 15 anos traballando para as persoas con artrite.

A delegación en Santiago ten por finalidade mellorar a calidade de vida de persoas enfermas de artrite reumatoide e enfermidades afíns, axudar, apoiar e prestar asistencia a todas as persoas afectadas ou familiares e defender os intereses comúns, recibir información e divulgala.

Dende  ConArtritis-Santiago brindan tanto a orientación no mesmo momento do diagnóstico como o acompañamento en distintos procesos (información sobre os tratamentos que existen, como afrontar a enfermidade a nivel persoal e familiar, solicitude da condición de discapacidade/incapacidade laboral...)