A asociación Disvalia retomará a actividade no mes de xullo
  • Novas
  • 29 de junio de 2020

A asociación Disvalia retomará a actividade no mes de xullo


A Asociación de Persoas con Discapacidade de Valdeorras (Disvalia) xa ten encamiñada a ruta cara á nova normalidade, retomando as actividades que tivo que paralizar por mor do COVID-19 e que agora iniciará no mes de xullo.

No mes de marzo, co decreto do estado de alarma, Disvalia suspendeu os servizos de fisioterapia, pilates e os cursos que impartía nese momento, co fin de evitar correr riscos entre o persoal laboral e as persoas usuarias. Malia esta suspensión, en ningún momento a entidade deixou de traballar e de interesarse polas súas persoas usuarias e familias, mantendo sempre con elas o contacto a través do teléfono e as vídeo chamadas.

A presidenta de Disvalia quere agradecer o labor do persoal laboral de todos os servizos que continuaron co seu desempeño durante o estado de alarma, especialmente di Begoña Dacal “debemos aplaudir o labor das farmacias, supermercados, etc.  que estiveron ao pé do canón e nos axudaron en todo momento”. “No meu caso particular, apunta Begoña, realicei a compra on line e ademais o servizo de dependencia non fallou, algo que para nós é moi importante”.

A volta de Disvalia será con todas as medidas de seguridade necesarias para desenvolver servizos tan necesarios como a fisioterapia á que asisten máis de vinte persoas asociadas da entidade.