A Asociación Galega de Linfedema presentoulle os servizos que presta ao Conselleiro de Sanidade
  • Novas
  • 12 de enero de 2018

A Asociación Galega de Linfedema presentoulle os servizos que presta ao Conselleiro de Sanidade


A Asociación Galega de Linfedema (AGL) asistiu a unha xuntanza co Conselleiro de Sanidade para presentar esta entidade e os servizos que presta ás persoas afectadas por esta doenza linfática.

Nesta reunión estiveron presentes o presidente de AGL, Juan Lameiro, quen chegou acompañado da Traballadora Social, María Araujo, e da Coordinadora da Comisión Sociosanitaria de COGAMI, Laura Quintas. Os tres foron recibidos polo Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, e a Subdirectora  Xeral de Atención ao Cidadán e Calidade, Xosefina Monteagudo.

Un dos programas nos que se falou durante a xuntanza foi o de fisioterapia especializada a pacientes con linfedema. Este tratamento é o único que ten esta doenza actualmente, ademais da utilización de prendas de presión, non se toma medicación para contrarrestar os efectos. Por isto, dende AGL quixeron recalcarlle ao Conselleiro de Sanidade da importancia de que se apoie o programa de acceso a tratamento fisioterapéutico e a necesidade de que existan colaboracións para afianzalo. O Conselleiro comprometeuse a trasladar este programa á Comisión Sociosanitaria da Xunta que comparten con Política Social.

En Galicia son preto de 50.000 as persoas que conviven co linfedema, 900.000 en España, sendo preto de 3.000 mulleres, a maioría operadas de cancro de mama, ás que se lles diagnostica esta enfermidade, segundo sinalan a Sociedade Española de Anxioloxía e Cirurxía Vascular (SEACV) e Sociedade Española de Rehabilitación e Medicina Física (SERMEF), en Galicia.

O Linfedema (alteración do sistema linfático) é unha enfermidade grave, crónica e progresiva, de evolución lenta, que proporcionalmente afecta ás mulleres. Non existen fármacos nin intervencións cirúrxicas eficaces. Está demostrado que o tratamento fisioterapéutico resulta efectivo para que a enfermidade empeore e se agrave.