A Consellería de Educación e COGAMI colaboran nun proxecto para impulsar a lingua galega e a inclusión social no alumnado
  • Novas
  • 15 de mayo de 2018

A Consellería de Educación e COGAMI colaboran nun proxecto para impulsar a lingua galega e a inclusión social no alumnado

Esta mañá presentouse en Santiago un proxecto no que se embarca COGAMI xunto coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Consiste no desenvolvemento dun programa de actuacións en lingua galega para que o alumnado que requira unha atención educativa diferente á ordinaria, poida acadar o máximo desenvolvemento posible das súas capacidades. Abarcará contido relacionado coa sensibilización e a inclusión das persoas con discapacidade na sociedade, a atención á diversidade, a normalización e a igualdade de oportunidades. Proverá ademáis de recursos para traballar nas aulas, fogares e entidades.  

Coa sinatura deste convenio, que foi efectuada polo conselleiro, Román Rodríguez, e mailo presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, a Confederación comprométese a elaborar unha unidade didáctica sobre a lingua galega que se porá á disposición dos centros escolares e tamén se aloxará na web lingua.gal e na web da entidade cogami.gal.

Así mesmo, elaboraranse catro xogos en liña, cada un deles con varios niveis adaptados a diferentes idades e capacidades; así como outros materias para descargar, imprimir e traballar nas aulas, nos fogares e mesmo nas entidades sociais.

COGAMI terá que organizar, xestionar e executar todas as actividades, ademais de facilitar o persoal, as infraestruturas e os medios de que dispón para a súa execución. A Consellería de Educación facilitaralle a COGAMI o apoio e asesoramento técnico en relación con aspectos lingüísticos e terminolóxicos relacionados con ditas actividades.