A Deputada Provincial de Pontevedra visita as instalacións que COGAMI ten en Mos
  • Novas
  • 22 de diciembre de 2017

A Deputada Provincial de Pontevedra visita as instalacións que COGAMI ten en Mos


A Deputada provincial responsable de Servizos Sociais, Digna Rivas, visitou as instalacións que COGAMI ten en Mos para poñerlle fin ao programa “Pontevedra Contigo: achegando servizos, impulsando capacidades” que financiou a Deputación de Pontevedra e “la Caixa”.

Este programa, que tivo por obxectivo o fomento da autonomía e igualdade de oportunidades entre as persoas con discapacidade da provincia pontevedresa, iniciou cunha análise das 13 entidades que forman parte da Federación provincial de COGAMI en Pontevedra e nos 4 centros de atención, co fin de detectar as necesidades e demandas das persoas usuarias.

Tras esta análise, detectouse a necesidade de contar con servizos de logopedia, fisioterapia especializada, transporte adaptado, actividades de lecer adaptadas, natación terapéutica e mesmo actividades de termalismo ou a falta dunha traballadora social con labores de sensibilización na poboación. Trala recollida destas demandas, dende a Federación Provincial de COGAMI establecéronse xuntanzas con concellos co fin de poder establecer acordos en beneficio das persoas con discapacidade empadroadas nos mesmos.

Para darlle resposta a  estes servizos que demandaban as entidades, este ano puxéronse en marcha iniciativas como a Danzaterapia, Logopedia, Fisioterapia, Termalismo e Natación Terapéutica. En total foron 145 persoas con discapacidade as que se beneficiaron destes diferentes programas, todos eles indicados para mellorar a saúde e, polo tanto, a calidade de vida.

Para poder levar a cabo estes programas de coidado da saúde, contouse cun orzamento de  43.000 euros, dos que 35.000€ foron achegados pola Deputación de Pontevedra e o resto por “la Caixa”. Aproveitando a visita da Deputada Provincial, clausurouse outro programa que apoia a Deputación, un curso de fisioterapia que leva por nome “Conectadas”.