A incorporación do alumnado con discapacidade física e orgánica nas aulas, tema tratado na Comisión Sociosanitaria de COGAMI
  • Novas
  • 14 de septiembre de 2020

A incorporación do alumnado con discapacidade física e orgánica nas aulas, tema tratado na Comisión Sociosanitaria de COGAMI

Malia que a orde do día tiña para tratar seis puntos diferentes, foi o tres o que primeiro se expuxo durante a xuntanza mantida por entidades membro da Comisión Sociosanitaria de COGAMI. Este punto a tratar referíase a como levar a incorporación ás aulas do alumnado con discapacidade física e orgánica e enfermidades crónicas severas, un tema preocupante para moitas familias pola situación complexa de saúde que estamos vivindo actualmente.

Dende a Comisión Sociosanitaria traballouse nun documento conxunto con COGAMI e as entidades membro no que se recollen medidas a ter en conta para un curso escolar inclusivo, unhas medidas que lle foron trasladadas as Consellarías con competencias na materia.

Na xuntanza da Comisión acordouse que o mellor para o alumnado é asistir ás clases presenciais, sempre garantindo as medidas sanitarias precisas, e acordaron que lle ían remitir á Administración  unhas medidas a curto prazo como a necesidade de incrementar profesorado e persoal de apoio, ademais de material de seguridade , e outras a medio prazo como a implantación de filtros de aire nas aulas.

Outros puntos acordados pola Comisión Sociosanitaria foron reclamar a creación de comisións e mesas de traballo transversais e contando coa participación das entidades, coñecer o número de nenas e nenos con discapacidade física e orgánica ou con algunha enfermidade crónica severa para poder dotalos de medidas específicas canto antes, poder establecer vías rápidas de atención para nenos e nenas especialmente vulnerables e establecer un protocolo de actuación específico en menores con enfermidades crónicas vulnerables ao COVID-19.