A X Solidaria chegará este ano aos balcóns e ventás de toda Galicia
  • Novas
  • 01 de abril de 2020

A X Solidaria chegará este ano aos balcóns e ventás de toda Galicia

Comeza o prazo para presentar a Declaración da Renda. Co IRPF comeza tamén a campaña da “X Solidaria”, coa que as entidades sociais como COGAMI, pretendemos animar a todas as persoas contribuíntes a marcar na súa Declaración da Renda o recadro de “Fins Sociais” que é o recadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social” .

A Administración permite aos contribuíntes a posibilidade de decidir a que queren destinar un 0,7% do diñeiro que se recada cos seus impostos. Uns fondos que se destinan integramente a realizar programas que beneficien ás persoas en exclusión social ou pobreza a través de organizacións de acción social.

En Galicia, a campaña de 2019 recadou 17.463.833 euros, unha cantidade aportada polas 716.201 persoas que marcaron a X Solidaria na súa Declaración. Comparada coa campaña anterior, foron 14.564 persoas máis as que marcaron a X Solidaria permitindo recadar 956.620 euros máis.

Pero non podemos dar a campaña por superada. Actualmente aínda hai 604.246 contribuíntes que seguen sen marcar a X Solidaria e, de facelo, permitirían que a  asignación final en Galicia incrementara en 12.020.001  de euros.

Das X nas prazas ás X nas casas

Nestes días, profesionais e voluntarias de moitas ONG estamos a prestar un servizo esencial na loita contra o COVID-19 e seguirémolo facendo cando remate a pandemia, apoiando ás persoas máis vulnerables e defendendo os seus dereitos. Un traballo que é posible, en grande parte, grazas a todas as persoas contribuíntes que marcaron o X Solidario na súa Declaración da Renda.

Con motivo das especiais circunstancias que estamos a vivir este ano, as entidades sociais queremos animar a toda a cidadanía a que dende o 2 de abril enchan as redes sociais, as ventás e os balcóns das súas vivendas con carteis animando a marcar o X Solidario, para despois subir unha foto ás redes coas etiquetas #XSolidaria e #1MillonDeRazones.

Esta iniciativa que servirá para expresar todo o que se pode conseguir marcando o X Solidario ao tempo que se pon en valor o traballo de miles de persoas que traballan ou son voluntarias en organizacións de acción social.

Asegurar o traballo para as persoas

As redes e organizacións que impulsamos esta campaña, cremos fundamental  manter a  filosofía destes fondos de acción social que dende hai dous anos xestiona a Xunta de Galicia.

Evitar a dispersión e a burocracia a través a través da xestión dos fondos por un único departamento: a Consellería de Política Social. Seguir garantindo que no último trimestre do ano sexa comunicada a resolución e ingresados os cartos para poder poñer en marcha e sobre todo dar continuidade aos programas.