Aberto o proceso de selección para formar parte do Proxecto Innovador para a Promoción de Autonomía Persoal no CEGADI
  • Novas
  • 16 de mayo de 2019

Aberto o proceso de selección para formar parte do Proxecto Innovador para a Promoción de Autonomía Persoal no CEGADI

Abre  a convocatoria pública coas bases de selección das persoas que poderán participar no proxecto innovador para a promoción da autonomía persoal que se levará a cabo mediante un plan integral de actuacións destinadas a persoas con discapacidade en situación de dependencia dende a idade temperá.

Este proxecto, que se está a desenvolver nas instalacións do CEGADI, ten carácter experimental polo que, unha vez validados os resultados, servirán de referencia para formar parte da futura carteira de servizos e accións comúns de prevención das situacións de dependencia e promoción da autonomía persoal para o colectivo de persoas con discapacidade.

Para formar parte deste proxecto innovador, é preciso non superar os 60 anos de idade, ter discapacidade física e/ou orgánica e/ou dependencia, precisar de apoios para unha recuperación funcional e para a promoción da autonomía persoal, a xuízo do equipo de valoración. Outro dos perfís abarca a menores dende a idade temperá ata a adolescencia, con discapacidade física e/ou orgánica e/ou dependencia, con dificultades na adquisición de destrezas motoras, da comunicación e das actividades básicas da vida diaria que repercutan na súa autonomía persoal.

Consideraranse casos prioritarios as persoas que acaben de adquirir unha discapacidade que lle ocasione unha situación de dependencia e/ou que teñan unha enfermidade de carácter dexenerativo, que as convertan en obxectivo deste proxecto de cara a retrasar ao máximo a dexeneración física e cognitiva.

Ter o certificado de discapacidade, ou estar en trámite para a súa obtención, ter o recoñecemento de situación de dependencia ou estar en trámite para a súa obtención, ter o padrón nalgún concello galego e adquirir o compromiso de participar activamente tanto a persoa usuaria como  da súa familia nas actividades, serán tamén requisitos imprescindibles.

Formar parte deste Proxecto Innovador para a Promoción de Autonomía Persoal suporá ter acceso a un conxunto de intervencións que teñen por finalidade axudar ás persoas con discapacidade en situación de dependencia para que consigan potencial físico, psicolóxico, persoal e social, co fin de que obteñan habilidades e capacidades necesarias para dispoñer dunha vida autónoma, atendendo a súa situación particular e ao seu entorno.

Na páxina web de COGAMI http://www.cogami.gal estarán publicadas tanto as bases como as solicitudes de participación no impreso oficial que, unha vez cubertas e asinadas polas persoas participantes ou pais/nais/titores/as legais das persoas con discapacidade e/ou dependencia, terán que ser entregados a través deste correo electrónico cegadi@cogami.gal.