ACADAR explica como previr a violencia contra mulleres a alumnado da provincia de A Coruña
  • Novas
  • 10 de diciembre de 2019

ACADAR explica como previr a violencia contra mulleres a alumnado da provincia de A Coruña

Co fin de fomentar a detección e erradicación das distintas formas de violencia contra as mulleres con discapacidade, a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) está a desenvolver un proxecto denominado `VIO 7. Ver para erradicar´.

Financiado pola Deputación de A Coruña, este proxecto está a desenvolverse no IES Praia Barraña, o IES Félix Muriel ademais da Universidade de A Coruña e o CIFP Compostela. En total, son 261 persoas as beneficiarias destas formacións  de xénero e discapacidade.

Ver para Erradicar xorde despois de que dende ACADAR e, a través dos grupos de traballo que desenvolven con mulleres con discapacidade, se detectara a necesidade de que a xente nova recibira formación específica en materia de xénero e discapacidade, así como do especial interese na violencia exercida sobre as mulleres con discapacidade.

Co obxecto de fomentar a detección e erradicación das distintas formas de violencia cara ás mulleres con discapacidade, impártense sesións formativas entre o alumnado onde se facilita a posta en común dos conceptos traballados e a participación activa de todas as persoas asistentes. Ademais, foméntase a visión crítica e consciente da realidade das mulleres con discapacidade a través do emprego dunha linguaxe inclusiva.

Para levar a cabo estes obradoiros, dende ACADAR utilizan materiais audiovisuais e casos prácticos recollidos nos cadernos “Violencia contra as mulleres con discapacidade: ver e recoñecer os sinais” e “Violencia sexual cara as nenas e mulleres con discapacidade”. Estas ferramentas que se utilizan facilitan a comprensión, interiorización e visibilización das diferentes formas de violencia cara ás mulleres con discapacidade.

Iniciado no mes de outubro, este programa rematará a finais de decembro.