ACADAR lanza a Ventana Inclusiva, un corrector que detecta a linguaxe non inclusiva e discriminatoria
  • Novas
  • 13 de mayo de 2019

ACADAR lanza a Ventana Inclusiva, un corrector que detecta a linguaxe non inclusiva e discriminatoria

Ventana Inclusiva é o corrector de estilo que avoga pola linguaxe inclusiva e non discriminatoria. Este corrector, creado pola Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR), dispoñible en lingua castelá de maneira gratuíta na páxina web da entidade, www.acadar.org, detecta os termos non inclusivos e discriminatorios e os reformula ofertando alternativas que inclúan a todas as persoas e evitando a discriminación.

Por segundo ano consecutivo, ACADAR desenvolveu o proxecto ‘Comunica a Conciencia’’, financiado pola Fundación ONCE. Un dos axentes máis importantes de socialización son os medios de comunicación, e de maneira transversal a linguaxe que empregan, xa que ten a capacidade de incluír ou excluír a unha persoa do seu conxunto. O proxecto de ACADAR xurdiu para dar resposta á necesidade de entender a importancia de empregar unha linguaxe inclusiva, que e aquela que nomea, non discrimina, nin ignora ás persoas, con independencia da súa condición de xénero, clase social, etnia, idea, orientación sexual,...  motivo polo cal levan dous anos impartindo obradoiros sobre linguaxe inclusiva e crearon o corrector informático ‘Ventana Inclusiva’.