ACCU Ourense premiada pola AECC de Ourense en recoñecemento polo seu traballo
  • Novas
  • 14 de junio de 2019

ACCU Ourense premiada pola AECC de Ourense en recoñecemento polo seu traballo

A Asociación de Enfermos/as de Crohn e Colite Ulcerosa de Ourense (ACCU Ourense) vén de ser recoñecida pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC) de Ourense cun dos seus premios á solidariedade. Segundo asegura Doura Gómez, presidenta da AECC de Ourense "é unha forma de recoñecer publicamente todo o que a sociedade fai en axuda da asociación".

Pola súa banda, o presidente de ACCU Ourense, Fernando Jiménez, explicaba que este galardón fora unha gran sorpresa, e engadía que "este tipo de recoñecemento supón para nós un gran empuxón para seguir traballando, e queremos dar as grazas a todas as persoas que fan posible que a nosa entidade continúe implementando proxectos tan beneficiosos e innovadores como os que estamos a desenvolver en colaboración coa Xunta de Galicia e COGAMI”.

Nesta oitava edición, a maiores de ACCU Ourense tamén recibiron o recoñecemento ao traballo a empresa Sublime Cultura e Deporte e, a título persoal, a voluntaria María del Carmen Quiroga. En palabras da presidenta da AECC de Ourense "damos os galardóns para recoñecer a colaboración continuada connosco" e asegura que Ourense é un lugar solidario polo que agradecen o bo trato da cidadanía "en cada posto informativo, cada evento na rúa, a xente sempre se mostra moi receptiva".

O acto tivo lugar o xoves 13 de  xuño no Liceo e contou coa participación da conselleira de Política Social da Xunta, Fabiola García, e do alcalde en funcións da cidade, Jesús Vázquez, entre outras autoridades.