Agustín Hernández e María Corral visitan tres iniciativas de economía social que xestiona COGAMI en Santiago: Trameve, Coregal e Galega de Economía Social
  • Novas
  • 14 de mayo de 2018

Agustín Hernández e María Corral visitan tres iniciativas de economía social que xestiona COGAMI en Santiago: Trameve, Coregal e Galega de Economía Social


Representantes do grupo municipal do PP do concello de Santiago, Agustín Hernández e María José Corral, estiveron de visita nos centros especiais de emprego Trameve, Coregal e Galega de Economía Social, iniciativas sociais que xestiona COGAMI.

Durante a visita, o voceiro á alcaldía de Santiago expresou que era a primeira vez que visitaba estes tres centros de traballo que están en Compostela, aínda que si era coñecedor destas iniciativas empresariais sen ánimo de lucro.

A primeira visita foi a Trameve, un centro especial de emprego situado no polígono do Tambre, que se dedica ao despece de maneira ecolóxica de vehículos fóra de uso para a posterior venda das súas pezas, e que na actualidade abriu mercado á venda de vehículos usados. Nesta iniciativa, que iniciou no ano 2000, traballan arestora 14 persoas con discapacidade.

A seguinte visita foi á nave que Coregal ten no polígono Costa Vella. Esta iniciativa que opera dende 1994 iniciou con 10 persoas e agora conta con 188 persoas nos centros de traballo que ten en toda Galicia, das que 68 traballan en Compostela e o resto en Carballo, Narón, Boiro e Mos. Coregal dedica a súa actividade á recollida de residuos sólidos urbanos para a súa reciclaxe.

O último centro especial de emprego visitado está tamén situado en Costa Vella e é Galega de Economía Social, a matriz do grupo empresarial onde traballan 27 persoas e presta servizos de asesoría e consultaría ao conxunto das empresas que forman o Grupo GES, 10 iniciativas de economía social que empregan a 653 persoas das que o 92% destas teñen un certificado de discapacidade.

Durante esta visita, dende as iniciativas empresariais intentouse achegarlle aos representantes do PP do concello de Santiago cal é o peso que ten a economía social na comarca para as persoas con discapacidade, a oportunidade laboral que supón ter estes tres centros de traballo activos en Compostela e tamén se lles trasladou a importancia de que dende a Administración se apoie este tipo de iniciativas empresariais.