Alcer conmemora o Día Mundial do Ril baixo o lema Saúde renal para todos en calquera lugar
  • Novas
  • 14 de marzo de 2019

Alcer conmemora o Día Mundial do Ril baixo o lema Saúde renal para todos en calquera lugar

Con motivo da celebración do Día Mundial do Ril, dende a Federación Alcer Galicia queren lembrarnos que vivir con enfermidade renal crónica segundo en que parte do mundo se viva, existe unha grande diferenza de acceso a tratamentos. Por iso, dende a Federación queren recoller para esta data o lema “Saúde renal para todos en calquera lugar”.

Dende a Federación manexan datos tamén sobrecolledores, como que a mortalidade creceu en España case un 30% na última década en persoas que teñen enfermidade renal crónica e que, de continuar así, será a segunda causa de morte en poucos anos. A nivel global, son arredor de 850 millóns de persoas as que padecen esta doenza.

En Galicia, segundo o último rexistro de 2015 que recolle o número de persoas enfermas renais, son un total de 3.552 persoas as que reciben tratamento renal substitutivo. Factores como o propio envellecemento, a modificación en hábitos de vida como o sedentarismo, o tabaquismo, a diabetes, a hipertensión arterial, os problemas cardiovasculares, así como o consumo de fármacos nefrotóxicos sen supervisión medica son causas que poden producir enfermidade renal crónica, como apunta a presidenta da Sociedade Española de Nefroloxía, María Dolores del Pino.

Desde Federación Alcer Galicia, consideran que o aumento de persoas con insuficiencia renal crónica supón unha diminución na calidade de vida de moitas persoas, na súa situación clínica e no seu proxecto de vida laboral, social familiar, sexual e de parella, na xestión do seu ocio e do tempo libre, que require da maior coordinación dos servizos sanitarios cos servizos sociais e as entidades Alcer.

Polo tanto, dende Alcer piden reforzar o recoñecemento social dos dereitos das persoas con enfermidade renal, a equiparación das valoracións dos certificacións de discapacidade e que haxa políticas claras de sensibilización, concienciación e prevención en saúde renal, como se teñen dado a coñecer outras patoloxías nas últimas décadas.