Alumnado de Formación Prelaboral impartida por COGAMI recolle os diplomas acreditativos
  • Novas
  • 05 de julio de 2018

Alumnado de Formación Prelaboral impartida por COGAMI recolle os diplomas acreditativos

O alumnado participante nos cursos de Formación Prelaboral impartidos pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) vén de recibir no día de hoxe, 4 de xullo, o diploma acreditativo da formación realizada, no marco dun evento desenvolvido no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago de Compostela. No mesmo participaron o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez, e representantes das entidades do ámbito da discapacidade que concorreron a esta programa, entre elas COGAMI.

A orde mediante a cal se subvencionaron estes proxectos formativos, financiados pola Consellería de Política Social e cofinanciados polo Fondo Social Europeo, enmárcase na Estratexia Galega sobre discapacidade 2014-2020, co obxectivo de avanzar na consecución da igualdade real das persoas con discapacidade e a súa inclusión social.

Cinco foron os proxectos que englobaron diferentes cursos nos que participaron un total de 227 persoas con discapacidade en toda Galicia, centrados na formación en habilidades para o emprego; formación prelaboral no medio rural e formación en habilidades sociolaborais, co obxectivo de mellorar a empregabilidade e participación social a través da mellora das habilidades socio laborais, das habilidades da vida diaria en tarefas orientadas a autoxestión, e das competencias comunicativas, lectoras e sociais das persoas beneficiarias.

 

Entre os cursos impartidos en toda Galicia destacan xestión de almacén, persoal de limpeza, loxística 2.0, deseño e seguimento de itinerarios formativos individuais, operador de ordenadores, informática básica, informática e técnicas de desenvolvemento autónomo, habilidades sociais e autocoidado; así como obradoiros prelaborais para a adquisición de habilidades sociolaborais, novas tecnoloxías e informática, certificación “Microsoft office specialist”, informática e competencia social, creación artística, produción audiovisual, inglés, deseño e elaboración de artigos de agasallo e de decoración, coiro, horta e xardín, iniciación á cociña, lavandaría, auxiliar de office e comedor.