Anxo Queiruga: “por cada euro que recibe COGAMI da Administración, devolve preto de catro”
  • Novas
  • 21 de noviembre de 2019

Anxo Queiruga: “por cada euro que recibe COGAMI da Administración, devolve preto de catro”

COGAMI reúne en Santiago durante o día de hoxe e o venres 22 de novembro, a expertos en economía social  e desenvolvemento sostible durante o VIII ANNUAL CONGRESS OF GLOBAL ECONOMIC ACCOUNTING, que foi inaugurado polo presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, a secretaria xeral de emprego, Covadonga Toca e o presidente de GEAccouting, José Ignacio Larretxi.

Este congreso, que organiza COGAMI, financia Rede Eusumo e promove GEAccounting xorde despois de que COGAMI formara parte dun proxecto coa Universidade de Santiago de Compostela para buscar unha metodoloxía que permitira medir o impacto social e aplicalo dentro da organización.  En palabras de Anxo Queiruga, “para traducir a valor económico o aporte social das entidades e visibilizar a nosa capacidade multiplicadora”. Despois de levar adiante este traballo, o presidente de COGAMI salientou este dato: “por cada euro que recibe COGAMI da Administración, devolve preto de catro”, sendo concretamente 3,91 euros.  

Durante a súa intervención, Covadonga Toca, tras agradecer esta iniciativa desenvolvida por primeira vez en Galicia, indicou a necesidade de que as empresas “humanicen a economía para xerar unha contorna con emprego sostible”.  Tamén indicou que é importante apostar pola RSE e do impacto das accións de empresas e institucións no valor social.

Durante o congreso, COGAMI explicou por que decidiu levar a cabo a medición do impacto social do traballo que realiza a diario a favor das persoas con discapacidade. En 2018 os datos económicos da entidade pecharon con 92.119,11 euros en positivo, un dato que dende a propia organización viron insuficiente ao crer que o valor do labor que desenvolve a entidade vai máis alá do que reflicte este resultado económico.  Este foi o punto de partida para analizar o impacto social de COGAMI na sociedade galega, segundo explicou a responsable da área de Calidade en COGAMI, Rosana González.

Segundo a responsable de calidade, a través de entrevistas persoais realizadas a 142 persoas integrantes dos grupos de interés de COGAMI, conseguiuse medir a contribución da organización ao sector socioeconómico do territorio. “Neste estudo dise a quen xeramos valor, onde o xeramos e como, e incluso podemos compararnos  con outras organizacións”, explicaba Rosana González.

Dende COGAMI expuxeron como exemplo de valor a quilometraxe que realiza o servizo de transporte adaptado que ofrece a organización para desprazar ás persoas ata os centros de recursos que ten. Anualmente percorren 314.000 km. “Se nos cinguimos a unha análise económica-financeira, este servizo é un elevado custo para a Organización”, apunta Rosana, “pero é fundamental para a persoa, e o papel de COGAMI é garantir o acceso a este servizo porque aporta un valor”.

Expertos como o profesor da Universidade de Deusto, José Luis Retolaza, quen foi o encargado de abrir o congreso explicando a metodoloxía utilizada para medir o valor social, ademais de investigadores e docentes das universidades de Santiago de Compostela, Vigo, País Vasco, La Laguna; tamén o centro universitario IESIDE e representantes de gobernos autonómicos como o de Navarra e País Vasco; e tamén representantes do tecido empresarial como Vegalsa, Calvo e Caixabank continuarán durante dous días falando de valor social e sostibilidade ante un aforo formado por cen persoas representantes de entidades e empresas de economía social e do tecido empresarial galego.