Anxo Queiruga renova o cargo de presidente de COGAMI por catro anos máis
  • Novas
  • 25 de mayo de 2019

Anxo Queiruga renova o cargo de presidente de COGAMI por catro anos máis

Anxo Antón Queiruga Vila renova o cargo por catro anos máis como presidente de COGAMI. Así o decidiron por maioría os votos de representantes das entidades membro directo en representación das 54 que conforman a Confederación, durante a celebración en Santiago de Compostela da XVII Asemblea Xeral Extraordinaria.

Este compostelán de adopción, e sonense de nacemento, conta con experiencia no movemento asociativo do ámbito da discapacidade dende o ano 1984, cando entrou en contacto coa asociación Ámbar da comarca da Barbanza. En 1997 iniciou a traballar en COGAMI como persoal técnico de administración e cinco anos despois será o responsable do Servizo de Intermediación Laboral. En 1998 entra a formar parte da xunta directiva como vicepresidente e en 2007 asume a presidencia de COGAMI, cargo que renova no día de hoxe e que compaxina dende hai tres anos coa presidencia de COCEMFE en Madrid e a vicepresidencia do Cermi Estatal.

Retos de COGAMI para os vindeiros catro anos.

Entre os retos para estes novos catro anos que afrontará a nova xunta directiva de COGAMI, segundo apuntou Anxo Queiruga, están lograr a visibilidade e a participación en igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade, ademais da promoción da autonomía persoal e a vida independente.

Outra liña de acción de COGAMI será dar continuidade ao traballo desenvolvido no ámbito rural, para garantir que as persoas teñan as mesmas oportunidades no acceso aos servizos que unha persoa que viva na cidade. 

O impulso do emprego é outro dos  puntos salientables. Anxo Queiruga aposta por seguir traballando polo emprego das persoas con discapacidade, tanto nas empresas ordinarias como tamén nos centros especiais de emprego de iniciativa social. Para Queiruga é necesaria tamén a inclusión de cláusulas sociais nos procesos de contratación da Administración Pública, para dar oportunidades ao noso colectivo.

O presidente de COGAMI continuou a súa intervención incidindo na importancia do empoderamento da muller con discapacidade e na posta en marcha de políticas inclusivas que dean resposta ás necesidades das mulleres e nenas con discapacidade.

A cohesión do movemento asociativo potenciando o traballo en rede dende o ámbito local ata o europeo para a posta en marcha de proxectos innovadores; a formación e a educación inclusiva que garanta persoal, ferramentas e instalacións adecuadas; un sistema sanitario público, accesible, que garanta a adecuada intervención e o acceso a tratamentos e á investigación, son outros dos eixos fundamentais da folla de ruta de COGAMI para estes catro anos. “E todo isto, apunta Queiruga, require dun financiamento estable que garanta a continuidade e a posta en marcha de novos servizos que dean resposta ás necesidades e demandas das persoas con discapacidade”.

Nova xunta directiva COGAMI

Acompañando a Anxo Queiruga na xunta directiva estarán:

Presidente: Anxo Antón Queiruga Vila     

Vicepresidente 1°: Ramón Sestayo Lestón. Unha das persoas impulsoras do asociacionismo social a favor das persoas con discapacidade, iniciando dende Muros, a súa vila natal, a través da asociación que hoxe preside, ADISBISMUR.  

Vicepresidenta 2°: Mónica Álvarez San Primitivo. Inicia a súa traxectoria profesional en COGAMI en 2002. Actualmente preside a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR), é vogal na Confederación Estatal de Mulleres con Discapacidade e membro do Foro de Igualdade entre homes e mulleres do concello de Lugo.

Secretario: Víctor Silva Suárez. Membro da Asociación de Persoas con Discapacidade de Compostela e Comarca (AMICO) entra en COGAMI en 2018 para formar parte da área Xurídica para velar polos dereitos das persoas con discapacidade.

Vicesecretaria: Juana María Tubío Ordóñez. Con máis de vinte anos de experiencia no movemento asociativo do ámbito da discapacidade, Juani é unha persoa moi vencelleda á promoción da autonomía das persoas.

Tesoureiro: Álvaro García Bustelo. Unha persoa con ampla traxectoria en COGAMI e no grupo de empresas, sempre vinculada á xestión económica da organización e posta en marcha de novos proxectos na Organización.

Vicetesoureiro: Paulo Fontán Torreiro. Actualmente presidente da  Asociación AMIZADE de Pontevedra, Paulo é un referente na promoción de espazos humanizados, accesibles a todas as persoas.

Vogal: Celso Álvarez Pérez. Compaxina a dirección do centro de recursos que COGAMI ten en Mos co posto de secretario na Federación COGAMI-Pontevedra e conta con ampla traxectoria na defensa dos dereitos das persoas con discapacidade física e orgánica.

Vogal: José Luís Costoya Quintela. Referente na comarca de Arzúa e Terra de Melide na participación das persoas con discapacidade no ámbito rural, dende o ano 2000 é presidente de AMARAI, sendo un dos seus precursores.

Vogal: Laura Quintas Lorenzo. Presidenta da Federación DISCAFIS-COGAMI de Ourense e da Asociación Galega de Hemofilia (Agadhemo), Laura está moi comprometida coa discapacidade orgánica e cunha sanidade igualitaria para todas as persoas.

Vogal: Manuel Santos Lamas. En 2006 entra a formar parte de COGAMI como coordinador da entidade AVANTE de Val do Dubra. Actualmente é o xerente do centro especial de emprego Hornos Lamastelle, xerando oportunidades laborais ás persoas con discapacidade.

Vogal: Ignacio Rodríguez Sáez. Con máis dunha década e experiencia no movemento asociativo do ámbito da discapacidade, experto no ámbito da economía social e o emprego das persoas con discapacidade, actualmente é presidente de AECEMCO e vicepresidente de CEGASAL.

Vogal: Carmen Fernández González. Con máis de 20 anos de traxectoria na asociación Aixiña de Ourense, é referente na posta en marcha de programas para persoas con parálise cerebral na provincia e na creación de emprego a través de programas como o de catering ou artesanía.

Vogal: Juan Antonio Da Silva Irago. Actualmente presidente da Asociación Galega de Fibrose Quística, Juan é unha persoa defensora dos servizos sanitarios para persoas afectadas por esta patoloxía, tanto a nivel autonómico como nacional, ao ser tamén membro da Federación Nacional e patrono da Fundación Nacional.

Vogal: Rosalía López Sánchez. Actualmente vicepresidenta da Asociación GRUMICO de A Coruña, ten unha traxectoria que supera os dez anos de experiencia no movemento asociativo, sendo unha muller estreitamente vencellada á defensa dos dereitos da muller con discapacidade, como demostra formar parte da xunta directiva de ACADAR.       

Vogal: Jose Luís Lolo Celeiro. Presidente da Federación COGAMI-Lugo, a súa traxectoria no movemento asociativo está avalado por máis de 25 anos de experiencia, sendo un dos precursores do centro de recursos de Fingoi.

Vogal: Montserrat Cuevas Gándara. Actualmente presidenta da asociación ADAPTA de O Condado e Paradanta, é unha persoa referente na eliminación de barreiras  e na creación dunha accesibilidade universal.