A.P.C Servizo de aparcamentos, portas e control de Galicia, exemplo de empresa viguesa comprometida coa contratación de persoas con discapacidade
  • Novas
  • 28 de agosto de 2019

A.P.C Servizo de aparcamentos, portas e control de Galicia, exemplo de empresa viguesa comprometida coa contratación de persoas con discapacidade

Dende COGAMI, estase a traballar co sector empresarial por consideralo eixo imprescindible no motor de cambio social. As empresas son os motores da sociedade, as que permiten a inclusión das persoas e tamén, as que teñen a responsabilidade de aportar valores inclusivos, participativos, igualitarios e proactivos dentro dos seus cadros de persoal.

Unha das empresas comprometida con este cambio social que reivindicamos dende COGAMI é a viguesa A.P.C SERVICIO DE APARCAMIENTOS, PUERTAS Y CONTROL DE GALICIA, que dende hai máis de 15 anos comezou a colaborar co Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI (SIL) ten na cidade de Vigo (Rúa Teixugueiras, nº15 baixo), despois de que outro empresario lle comentara sobre a existencia deste servizo.

O xerente Francisco Álvarez afirma que decidiu contratar a unha persoa con discapacidade en canto coñeceu o servizo do SIL, unha relación que é duradeira no tempo e “resulta boa ata o de agora”, segundo Francisco Álvarez.

Dende A.P.C SERVICIO DE APARCAMIENTOS, PUERTAS Y CONTROL DE GALICIA animan a outras empresas a que rompan barreiras mentais e que ofrezan oportunidades laborais a persoas con discapacidade porque, segundo o xerente, “a nós a experiencia estanos resultando positiva”.

Tamén é moi positiva a oportunidade laboral que tivo Daniel Vaz, que hai un mes empezou a traballar nesta empresa despois de levar dous anos en situación de paro laboral. “Solucionoume a vida”, comentaba Daniel que vía como non xurdía nada e xa afirmaba que “sentíame moi mal”.

Daniel formouse nun curso que impartiu COGAMI como controlador de accesos e, aos quince días de finalizar as prácticas, chamárono para unha entrevista de traballo. Así foi o seu comezo en A.P.C SERVICIO DE APARCAMIENTOS, PUERTAS Y CONTROL DE GALICIA.