As asociacións Íntegro e Apem navegan no veleiro adaptado Laion de COGAMI
  • Novas
  • 05 de julio de 2018

As asociacións Íntegro e Apem navegan no veleiro adaptado Laion de COGAMI

O veleiro Laion da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) inicia tempada de verán, ofrecendo a oportunidade de achegarse ao mundo da navegación a persoas con discapacidade en Camariñas.

Un ano máis, e con este xa van dezaseis, o veleiro Laion de COGAMI levanta áncora, iza velas e sae a navegar pola costa galega proporcionando unha nova experiencia de lecer e deporte a persoas que non teñen a oportunidade de achegarse á navegación, por carecer dunha contorna accesible ás súas necesidades, como é o proxecto GAVEA (Galicia Vela Adaptada).

A finais de xuño iniciaba as súas singraduras en Ribadeo para dar paso aos bautismos de mar en A Coruña e que, xunto coa actividade en Camariñas e Muros no mes de xullo, van permitir que preto de 180 persoas, distribuídas en quendas de 8 persoas por travesía, teñan a oportunidade de participar da navegación durante tres horas polas rías galegas e aprender nocións básicas sobre a navegación a vela, así como a realización de nós náuticos e o manexo do temón.

Durante os días 6 e 7 de xullo, o veleiro estará atracado en Camariñas para realizar travesías pola ría con persoas usuarias das Asociacións Íntegro e Apem. O día 6 participará a Asociación de Persoas con Diversidade Funcional das Bisbarras de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra (ÍNTEGRO), e as quendas de embarque serán de 11 a 14 h. e de 16 a 19 h. nas que participarán grupos de 6 persoas usuarias acompañadas de 2 profesionais da entidade. Ao día seguinte, será a Asociación Pro Enfermos Mentais de Cee (APEM) quen participará na actividade en horario de 16 a 19 h.

A actividade continuará os días 9 e 10 de xullo na ría de Muros, na que participarán as persoas usuarias da Asociación ADISBISMUR (Asociación de Personas con Discapacidade da Bisbarra de Muros).

O Laion é un veleiro que foi incautado en 2002 ao narcotráfico e, dende que o ten cedido en garda e custodia a asociación membro de COGAMI Adisbismur - Asociación de Personas con Discapacidade da Bisbarra de Muros- posibilita que as persoas con discapacidade poidan participar en actividades náutico- deportivas. Dotado de adaptacións como son un guindastre, que permite o embarque a persoas con mobilidade reducida, ou uns asentos ou backets, tamén adaptados, o Laion permite gozar da navegación a todas as persoas.

Este proxecto denominado GAVEA (Galicia Vela Adaptada) é posible coa financiación de Fundación Emalcsa e a colaboración do Club do Mar, ademais dos clubs náuticos que ceden os amarres, como é o caso do Real Club Náutico de Ribadeo, o Club Náutico Ría de Ares, o Real Club Náutico de A Coruña ademais do Club Náutico de Camariñas e Marina Muros.

 

O GAVEA permite a participación en actividades náutico-deportivas a todas as persoas, derribando as barreiras que impiden o uso do medio mariño. Dende que iniciou este proxecto, máis de 4.000 persoas participaron no mesmo. Esta actividade de lecer é unha das máis demandadas polas persoas usuarias dos centros e entidades de COGAMI, así como entre as entidades do movemento asociativo.

 

 

Características do veleiro Laion

 

O Laion, de 13 metros de eslora, ten unha capacidade máxima para 10 persoas: 2 tripulantes, que son persoas voluntarias que ceden o seu tempo para participar neste proxecto, 6 participantes con algunha discapacidade e outras 2 persoas acompañantes.

 

A embarcación conta con adaptacións para facer practicable a navegación, como un guindastre instalado na botavara que permite embarcar ás persoas con mobilidade reducida dende o pantalán ata uns backets instalados na bañeira do barco. O control da embarcación conta cun winche eléctrico que se activa a través dun pulsador electrónico que facilita o seu goberno.

 

Ao longo dos anos, o proxecto GAVEA participou en eventos náuticos tanto galegos como internacionais, como foron a Volta Náutica a Galicia, a Xira Náutica Costa da Morte, a Regata S.A.R. Infanta Elena, a Regata Inicial da Volvo Ocean Race, a viaxe ao Fórum Barcelona 2004, as singraduras pola Costa Cantábrica, a 32ª Edición de la America´s Cup de Vela- Valencia 2007 realizando actividades de vela adaptada durante o transcurso da mesma, a Regata Teresa Herrera, a Regata Tall Ship Race, ou a I Travesía Náutica Xacobea.

 

Este proxecto, aparte de achegar o mar e a navegación á discapacidade, tamén contribúe na sensibilización, concienciación e inclusión social. Todas as visitas que o Laion efectúa nos diferentes portos nos que atraca serven para amosar a diversidade na que vivimos.