As instalacións que ten COGAMI en Ferrol dispoñen de prazas de atención diúrna para persoas con discapacidade
  • Novas
  • 19 de febrero de 2020

As instalacións que ten COGAMI en Ferrol dispoñen de prazas de atención diúrna para persoas con discapacidade

Hai dezaoito anos, concretamente en 2002, COGAMI abre un punto de atención en Ferrol co fin de atender as necesidades das persoas con discapacidade da comarca de Ferrolterra. Durante estes anos, foron atendidas máis de 3.000 persoas ás que se lles informou, asesorou, formou, se lles ofreceu orientación laboral de cara ao emprego, ademais de participaren en obradoiros de educación de adultos e actividades programadas dentro da comunidade.


Dende hai dous anos, parte destes servizos empezan a enfocarse dentro do servizo de atención diúrna terapéutica de persoas con discapacidade física e/ou orgánica, co que inician os preparativos para que Ferrol se converta nun centro de recursos, con atención en centro de día e ocupacional, como xa o son outros que COGAMI ten localizados nos concellos de Lugo, Silleda, Pontevedra e Mos.

Este centro de recursos, que está habilitado para 20 prazas, ofrece novos servizos para promover a autonomía persoal como a rehabilitación, a participación social e a formación especializada para as persoas usuarias, ademais de apoio ás familias. A través de itinerarios personalizados, váiselle dar cobertura ás persoas con discapacidade que demandan máis apoios e servizos especializados para promover a súa autonomía persoal e interacción coa contorna.

Para acceder, é preciso dispoñer do certificado de discapacidade e/ou a valoración de dependencia segundo os baremos establecidos polo órgano competente da Xunta de Galicia, ademais de contemplar unha idade comprendida entre os 18 e os 60 anos.  

Actualmente son 9 as persoas que acoden de luns a venres ata o centro situado na rúa Sánchez Calviño, procedentes dos concellos de Ferrol, Narón, Fene e Valdoviño. Para cubrir os desprazamentos, é o propio centro o que conta cun servizo de transporte adaptado que se encarga de recoller ás persoas nas casas e levalas ata o centro.

COGAMI está levando a cabo unha labor de difusión entre as coordinacións dos organismos públicos que poden derivar persoas ata o centro, como son os servizos de traballo social municipais, os equipos de valoración de discapacidade e dependencia da Xunta de Galicia e os servizos sociocomunitarios comarcais. Durante os anos 2018 e 2019 realizáronse un total de 13 encontros con estes axentes sociais.

As persoas que compren cos requisitos anteriormente expostos, e que teñan interese en asistir ao centro de Ferrol, poden contactar coa Organización a través do teléfono 981 325 568 ou enviar un correo a silferrol@cogami.gal.