As persoas usuarias do Centro da Asociación A MARIÑA- COGAMI, CRD Palmeiro, festexan o San Xoán
  • Novas
  • 21 de junio de 2019

As persoas usuarias do Centro da Asociación A MARIÑA- COGAMI, CRD Palmeiro, festexan o San Xoán

As persoas usuarias do Centro de Recursos para persoas con Discapacidade, CRD Palmeiro, que A MARIÑA- COGAMI ten en Xove, están a festexar o San Xoán, decorando o centro con sardiñas elaboradas por elas mesmas ao tempo que traballan os conceptos propios do San Xoán como as fogueiras, os desexos, lendas, brincos, tradicións, flores, meigas fora…

Por outra banda, recolleron e seleccionaron herbas para facer ramalletes de cara á noite de San Xoán que están a poñer nas portas de acceso ao centro tal e como recolle a tradición, e reservarán algunhas para secalas e facer sacos aromáticos.

Así mesmo recolleron información sobre esta festividade que se celebra ao redor do mundo e que, dependendo do lugar, conta cunhas características diferenciadoras, por exemplo, descubriron que en Laponia á medianoite segue a haber luz solar, polo que a celebración se converte nunha experiencia única.

 

A Asociación A MARIÑA- COGAMI e o CRD PALMEIRO

A Asociación A Mariña- COGAMI foi fundada no ano 1989 por un grupo de persoas con discapacidade da Mariña Lucense, coa finalidade de coordinar e promover a defensa dos intereses das persoas con discapacidade para así conseguir a máxima atención social á problemática que representan, e a súa total integración na sociedade. Foi declarada de utilidade pública no ano 2013.

A asociación conta cun centro de día situado na urbanización Palmeiro, en Xove, onde se presta apoio ás necesidades das persoas con discapacidade e familias da Comarca da Mariña Lucense.

Un equipo de profesionais encárgase de valorar as necesidades de cada unha das persoas de maneira individual e, xunto coa persoa e a familia, deseñan un plan de atención axustado ás súas capacidades segundo os servizos e programas que se desenvolven no centro.

Entre os recursos que ofrece destacan a estimulación cognitiva, educación básica, actividades da vida diaria, atención personalizada e familiar, programas de rehabilitación como fisioterapia e terapia ocupacional, actividades de lecer, deportivas e culturais, e transporte adaptado, entre outras.