Atopa traballo tras rematar un curso impartido por COGAMI que lle serviu como reciclaxe profesional
  • Novas
  • 30 de junio de 2020

Atopa traballo tras rematar un curso impartido por COGAMI que lle serviu como reciclaxe profesional

Luisa chegou a COGAMI hai preto de 11 anos. Esta veciña de Marín, contactou co servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL) que COGAMI ten en Pontevedra na procura de información e asesoramento. Nese momento, unha empresa da zona buscaba unha persoa e, como o perfil profesional de Luisa cumpría cos requisitos que pedían, entrou a formar parte do cadro de persoal desa empresa durante sete anos.

Todo lle foi moi ben ata que a flexibilidade de horarios da empresa se converteu nun problema de saúde para Luisa. “Tiña ansiedade, estar sempre pendente do teléfono para que che dixeran que quenda tiñas ese día, xa non era vida”, explica Luisa. Así que, despois de meditalo detidamente, decidiu deixar o traballo, “e iso que era fixa na empresa”, engade.

Tras dar este paso, Luisa volve contactar coa orientadora laboral do SIL de Pontevedra interesada por ampliar a formación de cara ao mercado laboral. Xusto coincidía que estaba a piques de iniciar un curso de auxiliar de administrativo, co que Luisa non o pensou dúas veces. Tras rematalo, atopou traballo como recepcionista nunha residencia militar “que está ao lado da miña casa”, explica.

Luisa foi unha das 400 persoas que durante o ano pasado se formaron nalgún dos 34 cursos impartidos por COGAMI. Durante este ano a formación tivo que parar como pasou en case todo o país, pero xa se volveu retomar a actividade, moita dela en formato on line. Para este exercicio hai programados 25 cursos nos que participarán máis de 300 persoas e agárdase que se supere o 34% de insercións laborais conseguidas durante o ano pasado tras finalizar a formación.

“É moi importante ter confianza en ti mesma”, di Luisa. “Con 48 anos decidín deixar un traballo, poñerme a facer cursos porque é moi importante a formación”. Ademais dende o Servizo de Orientación e Intermediación Laboral impartiron seminarios de busca de emprego, de como presentar un curriculum ou mesmo acudir a unha entrevista de traballo. Ninguén mellor que Luisa para poñerlle punto e seguido á súa historia laboral “é moi importante que confíes en ti”, nos aconsella. Tomamos nota.