Autos Rodríguez Montes Puente S.L ,exemplo de empresa ourensá comprometida coa contratación de persoas con discapacidade
  • Novas
  • 21 de agosto de 2019

Autos Rodríguez Montes Puente S.L ,exemplo de empresa ourensá comprometida coa contratación de persoas con discapacidade


O Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI (SIL) están a levar a cabo unha labor de información, asesoramento e información con empresas galegas, porque estas teñen a responsabilidade de ser o motor de cambio que necesita a nosa sociedade en favor das persoas con discapacidade. Cada vez que unha empresa nos ofrece unha oportunidade laboral para amosar a nosa valía, permítenos ter un proxecto de vida.

Autos Rodríguez Montes Puente é unha destas empresas comprometidas con este cambio social que reivindicamos. Contactou  co Servizo de Orientación e Intermediación Laboral na cidade de Ourense (Rúa Recaredo Paz, nº1) despois de que unha amizade lle informara da existencia deste servizo.

Dende este contacto con COGAMI, a empresa conta cun comercial contratado que ten discapacidade, unha experiencia “positiva” explica José Ángel Rodriguez Rodríguez, xerente da empresa, porque, segundo di “este posto pode desempeñalo perfectamente unha persoa con discapacidade, incluso con máis motivación e ganas, por esta oportunidade que se lle ofrece”. Remata José Ángel animando ás empresas a que participen desta experiencia.

Motivación, e moita, é a que ten Joaquín Touza desde empezou a traballar como comercial en Autos Rodríguez Montes Puente. Para Joaquín non foi camiño doado a súa traxectoria profesional. Ten soriase reumática coa que pode facer unha vida normalizada pero, cando ten brotes, estes prexudícanlle bastante, segundo nos confirmaba. Joaquín di que, a pesar de que a súa enfermidade non é contaxiosa, ás veces nas entrevistas de traballo o miran con receo polo aspecto que presenta a súa pel.

En 2007 iniciou a súa traxectoria como comercial e, tras apuntarse á bolsa do Servizo de Orientación e Intermediación de COGAMI como demandante de emprego, saíulle unha entrevista de traballo que derivou nunha oportunidade na que Joaquín di sentirse “moi cómodo”.