Carlos Iglesias representará a ALCER Coruña nos XXI Xogos Mundiais de Deportistas Transplantados
  • Novas
  • 21 de junio de 2017

Carlos Iglesias representará a ALCER Coruña nos XXI Xogos Mundiais de Deportistas Transplantados

Carlos Iglesias Souto viaxará do 25 de xuño ao 2 de xullo á cidade de Málaga, onde participará nos XXI Xogos Mundiais de Deportistas Transplantados. “É un orgullo poder presentar a Galicia e co equipo español”, indicaba Carlos. O deportista galego, que está transplantado de ril, compite no torneo de golf en dúas modalidades, individual e de parellas, formando equipo con Javier González Enríquez, transplantado de fígado, e tamén participará na proba de carreira de 5km.

Tras dedicarse durante moito tempo ao ciclismo, Carlos viuse na obriga de deixar este deporte por mor da súa enfermidade renal e foi cando descubriu o golf. En palabras de Carlos “Somos persoas con discapacidade e temos que seguir facendo a nosa vida, por eso é fundamental facer deporte”.  A presenza de Carlos nos Xogos Mundiais de Deportistas Transplantados está patrocinada por Diaverum Servizos Renais, un dos provedores líderes do mundo en atención renal, que veñen de abrir en Santiago de Compostela unha clínica que presta tratamento de hemodiálise domiciliaria a un centenar de pacientes renais crónicos e ten un concerto para esta asistencia co Sergas. Para a directora de Diaverum Servicios Renales, Isabel Fernández, “patrocinamos a Carlos polos valores que representa, un enfermo renal ten que seguir coa siúa vida”.

A XXI edición dos Xogos Mundiais de Deportistas Transplantados, que este ano conta con 52 países participantes, será a primeira que se celebre en España, bate o récord de participación española con 101 representantes e máis de 2.200 persoas inscritas, o que a sitúa como a segunda edición con máis participación de toda a historia dos xogos. A importancia desta iniciativa vai máis alá de converterse nun espazo deportivo para a integración, buscar crear conciencia sobre a doazón de órganos. A finalidade principal é concienciar sobre a importancia da doazón de órganos para salvar vidas.

Durante unha semana daranse cita 17 disciplinas deportivas que terán lugar en dez sedes diferentes: golf, baloncesto, atletismo, petanca, tenis de mesa, tenis, squash, voleibol, ciclismo, bádminton, bolos, kayak, dardos, natación, pádel, triatlón virtual e carreira urbana. Dúas destas modalidades, padel e kayak, son novas e son as aportacións da capital de Málaga. Todas estarán abertas ao público en xeral para que podan ver as competicións de xeito gratuíto.

O domingo 25 de xuño ás 18:30 horas, na Praza de Toros da Malagueta, arrincará a XXI edición cunha gran gala inaugural aberta e gratuíta a todo o público que queira asistir na que non faltará o paseo das representacións por países, os espectáculos de música e o tradicional izado da bandeira da Federación Internacional de Deportistas Transplantados. Tamén terá lugar unha homenaxe ao que fora abandeirado nestes xogos, Pablo Ráez, a través do espectáculo Being Strong.