Case oito mil menores con discapacidade de Galicia en exención do copago farmacéutico
  • Novas
  • 08 de enero de 2021

Case oito mil menores con discapacidade de Galicia en exención do copago farmacéutico

Segundo recolle a Base Estatal de Datos de Persoas con Valoración do Grao de Discapacidade (IMSERSO), son un total de 7.816 persoas menores con discapacidade as recoñecidas oficialmente en Galicia cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%.

Todas elas, dende o 1 de xaneiro de 2021 quedan exentas de realizar aportacións económicas na prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde, segundo dispón a Lei de Presupostos Xerais do Estado. Polo tanto, quedan exentas de copagar 2.810 menores da provincia de A Coruña, 595 da de Lugo, 766 da provincia de Ourense e 3.645 da de Pontevedra.

Esta medida, en palabras do presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, “suporá un alivio económico para as familias con menores con discapacidade física e orgánica”. Por outra banda, dende o Comité de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI Galicia) salientan que as familias con menores con discapacidade enfróntanse a un sobrecusto dun 40% con respecto a outras familias.