COGAMI asina convenio coa Asociación Galega de Actividades Náuticas para levar a inclusión ao deporte
  • Novas
  • 15 de marzo de 2019

COGAMI asina convenio coa Asociación Galega de Actividades Náuticas para levar a inclusión ao deporte


Representantes de COGAMI e da Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+) asinaron un convenio de colaboración para establecer relacións entre as dúas entidades que permitan o desenvolvemento de proxectos que promovan a inclusión social das persoas con discapacidade a través do deporte e do turismo.

Esta colaboración vai xirar arredor do proxecto SANA, co que se pretende mellorar a oferta de deportes de natureza dirixidos a persoas con discapacidade, ademais de optimiezar esta oferta deportiva ao aire libre e  fomentar a inclusión a través do deporte.

A través deste convenio, dende COGAMI vaise aportar coñecemento e experiencia en tres paquetes de traballo do proxecto que consisten nun kit pedagóxico que inclúe un manual para a formación de monitores á hora de realizar actividades deportivas, un selo de calidade que identifique os requisitos de accesibilidade necesarios para certificar as instalacións e as actividades como accesibles e a organización dun evento deportivo.

No acto de sinatura de convenio estiveron presentes tamén o resto das entidades socias do proxecto SANA, sendo CIM – Alto Minho de Portugal, o Conseil Départemental Finistère e o Comité Départemental Handisport de Francia, ademais de asistir o vicepresidente de Nauta Sanxenxo, Jesús Sueiro, e Fernando Casas do Real Club Náutico de Sanxenxo.