COGAMI asina convenio coa Deputación de A Coruña a favor do servizo de emprego da entidade
  • Novas
  • 03 de agosto de 2018

COGAMI asina convenio coa Deputación de A Coruña a favor do servizo de emprego da entidade

O vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo e deputado e responsable da área de Promoción Económica e Emprego da Deputación de A Coruña, Xosé Luís García, asinaron un convenio de colaboración para contribuír con 90.686 euros no funcionamento do Servizo de Información, Orientación e Prospección de Emprego (SIL).

Este servizo, que é centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia, autorizado como axencia de colocación, ten como función orientar e dotar de ferramentas ás persoas con discapacidade para que realicen unha busca activa de emprego, ademais de tratar coas empresas ás que lles facilita persoal cualificado, asesoramento e apoio durante a incorporación laboral.

Tras a sinatura do convenio, o responsable da área de Emprego da Deputación da Coruña puxo en valor “o grande traballo que realiza COGAMI en toda a provincia”, e sinalou que colaborar con esta entidade “é unha obriga”, de acordo a trascendencia en materia de integración social das persoas con discapacidade, que deriva dos servizos que presta.

Durante o primeiro semestre de 2018 entre os logros deste servizo de emprego de COGAMI están o contribuír na inserción laboral de 527 persoas con discapacidade na provincia, das que 182 o lograron en A Coruña, 204 foron inseridas en Santiago e en Ferrol foron 141 persoas. Este servizo conta cunha base de datos que supera as 28.000 persoas inscritas en Galicia como demandantes de emprego ou formación. Na provincia coruñesa, incorporáronse 272 persoas con discapacidade a esta base: 80 en A Coruña, 91 en Ferrol e 101 en Santiago.

O vicepresidente de COGAMI agradeceu a colaboración da Deputación da Coruña neste programa de inserción laboral, dado que “incide nun dos ámbitos onde as persoas con discapacidade presentan unha maior vulnerabilidade”, apuntando que a taxa de paro “case triplica” á da poboación xeral.

O Servizo de Intermediación Laboral conta cun equipo de 40 profesionais titulados en orientación laboral e axentes de emprego que traballan nas principais cidades galegas, dentro da provincia coruñesa están en A Coruña, Santiago e Ferrol, pero tamén se desprazan ás zonas rurais para atender as demandas das persoas usuarias destas zonas.