COGAMI asina convenio coa UDC para desenvolver proxectos de domótica e impresión 3D
  • Novas
  • 08 de abril de 2019

COGAMI asina convenio coa UDC para desenvolver proxectos de domótica e impresión 3D

A Universidade da Coruña e COGAMI unen esforzos na investigación a favor das persoas con discapacidade. Así o recolle un convenio asinado polo presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, que se desenvolverá no Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e da Comunicación da UDC (CITIC) para o desenvolvemento das TIC no ámbito da discapacidade e a accesibilidade.

Dende o CITIC, en colaboración cos profesionais e persoas usuarias de COGAMI, levaranse a cabo proxectos de investigación que fomentan o uso das TIC para mellorar a súa participación e autonomía a través de solucións baseadas nos principios do deseño universal e centrado nas necesidades e capacidades das persoas usuarias.

Mediante este acordo, que presenciou o director do CITIC, Gonzalo Penedo, será posible dotar de maior autonomía persoal ás persoas con discapacidade. Segundo Penedo, no centro estase a traballar na creación dunha sala de demostradores tecnolóxicos, na que se simulará un espazo de vivenda doméstica, con diferentes elementos instalados de domótica e outros servizos TIC domésticos como asistentes por voz ou realidade virtual. Estes servizos serán testeados e acondicionados para mellorar o seu grao de accesibilidade e definir adaptacións funcionais.

Outra liña de colaboración ten por obxectivo avaliar e desenvolver adaptacións mediante a tecnoloxía de impresión 3D, que está revolucionando o campo das próteses e órteses, xa que permite unha maior personalización e adaptación das necesidades específicas de cada persoa. Desde o CITIC traballarase no deseño e nas probas de funcionamento dos elementos creados.