COGAMI, compromiso coas persoas e co coidado do medio ambiente
  • Novas
  • 05 de junio de 2019

COGAMI, compromiso coas persoas e co coidado do medio ambiente

Este ano saíu á rúa unha corrente impulsada por xente nova que alerta sobre o estado do planeta e sobre o noso deber de coidalo, porque o futuro do noso planeta depende de todas e todos nós. Para COGAMI isto non é nada novo. O obxectivo primordial dende que iniciou hai case trinta anos a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, foron e son as persoas, as persoas con discapacidade, as persoas ás que se lles negaban constantemente os seus dereitos básicos como o ofrecemento dun posto de traballo. Esta carencia de oportunidades derivou na busca de solucións, sendo unha delas a creación de centros especiais de emprego de economía social. Estas iniciativas compren cun dobre obxectivo: oportunidades laborais para persoas con discapacidade e desenvolvemento dunha actividade centrada no coidado e protección do medio ambiente.

Unha destas iniciativas é COREGAL. Esta empresa dedicada á xestión integral de residuos, iniciou en 1994 tras finalizar unha formación sobre reciclaxe organizado pola Unión Europea. Os primeiros pasos de COREGAL no coidado do ambiente foron a recollida de papel e cartón. Hoxe vai más alá, recolle, recicla e deseña proxectos enmarcados na economía circular, tratando os residuos para convertelos en recursos útiles para que as empresas poidan reincorporalos na súa actividade.

Con centros de traballo situados en Santiago de Compostela, Mos, Boiro e Carballo, e cun cadro de persoal formado por máis de 180 persoas, outras liñas nas que traballa COREGAL enmárcanse en proxectos centrados na eficiencia enerxética e na redución de emisión de gases de efecto invernadoiro.

É durante o ano 2000 cando outra iniciativa empresarial ve a luz en Santiago de Compostela, tras participar nun proxecto europeo de descontaminación de vehículos. Referímonos a TRAMEVE, un centro que se dedica ao despece ecolóxico de vehículos para a posterior venda das pezas de segunda man, fomentando o consumo responsable de recursos. Para seguir estando á vangarda na especialización e xestión medioambiental, nos últimos tempos TRAMEVE aposta pola formación dos seus 14 traballadores na xestión de baterías de vehículos eléctricos ou híbridos ao final da vida útil.  

A empresa de xardinería Dixardín é outra iniciativa que traballa por unha natureza verde e limpa a través da prestación de servizos de deseño, obra e mantemento de zonas verdes e xardíns verticais. Esta iniciativa conta con persoal formado como mestre composteiro, unha titulación imprescindible para os vindeiros anos: a Unión Europea exixirá reciclar o 65% dos residuos para o ano 2035 en compost, para ser reutilizado en xardinería, no sector agrícola e na rexeneración de áreas degradadas. Con Dixardín e a compostaxe, contribuímos ao obxectivo de residuo cero. 

COREGAL, TRAMEVE e Dixardín son tres iniciativas que COGAMI abriu para crear emprego e para traballar no coidado do medio ambiente, un binomio que ten que ir aparellado, por ser un compromiso coas persoas e coa natureza.