COGAMI conmemora o Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade cos Bolechas
  • Novas
  • 03 de diciembre de 2018

COGAMI conmemora o Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade cos Bolechas

COGAMI desprazouse ata A Coruña para conmemorar o Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade xunto a alumnas e alumnos de infantil e primaria do CEIP Emilia Pardo Bazán.

A xornada serviu para presentar unha unidade didáctica e unha páxina web http://www.osbolechas.gal/cogami/ na que COGAMI estivo a traballar, xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, na que se pretende a través do conto, do xogo e dos debuxos sensibilizar aos máis pequenos sobre a importancia que ten o respecto e o trato en igualdade a todas as persoas, sen importar a súa condición.

Ata o colexio desprazáronse os protagonistas desta unidade didáctica, Os Bolechas, quen causaron unha grande expectación entre o alumnado, quen non pararon de abrazalos, chocalas cinco e falar con cada un dos protagonistas.

Durante a xornada desenvolvéronse tamén obradoiros de pintura, creación de chapas e os menores participaron en circuítos con obstáculos para o manexo de cadeira de rodas, ademais de actividades sensoriais, onde se lles taparon os ollos e tiveron que descubrir a través do olfacto ou tacto que obxectos tiñan diante. Todas estas actividades desenvolvidas realizáronse co fin de que as nenas e nenos do centro escolar Emilia Pardo Bazán se puxeran na pel de persoas con discapacidade.

Esta actividade de sensibilización sobre a discapacidade desenvolveuse co gallo da conmemoración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, unha data que este ano pretende sensibilizar ás persoas con discapacidade que viven no rural porque contan con índices de exclusión social moito maiores e carencia de apoios e recursos en relación á poboación urbana con discapacidade.