COGAMI conta cunha nova entidade: Parkinson Galicia-Coruña
  • Novas
  • 06 de octubre de 2020

COGAMI conta cunha nova entidade: Parkinson Galicia-Coruña

Por unanimidade, así é como entra a formar parte da Federación COGAMI Coruña a asociación Parkinson Galicia-Coruña, unha entidade fundada en 1996 por un grupo de persoas con esta enfermidade e familiares e que hoxe en día conta con 534 persoas asociadas.

A entidade toma a decisión de formar parte de COGAMI tralo impacto do COVID-19, que lles obrigou a paralizar toda a actividade da entidade, causándolles “un gran impacto negativo na economía da Asociación”, como indica o seu presidente, Antonio Ferreiro Campelo, quen engade que viron en perigo de sustentabilidade da entidade.

Coa entrada en COGAMI, e sumando con esta 55 entidades membro na Confederación, dende Parkinson Galicia Coruña agardan contar cun apoio de recursos. Di o Presidente que “estamos en continuo crecemento como entidade e os recursos cos que contamos, sobre todo en canto a organización e funcionamento da entidade, son poucos, por iso vemos a necesidade de estar dentro dun movemento asociativo”.

Dende Parkinson cren que é necesario agruparse para ser máis fortes, incluso están pensando en formar unha Federación Galega de Parkinson, inexistente ata o de agora. “Cremos que deberiamos ter encontros con asociacións de Parkinson máis a miúdo”, expresa Antonio Ferreiro, “por iso agardamos que nos asesore COGAMI neste senso”.