COGAMI dedica o mes de marzo á muller e nena con discapacidade durante a campaña 12 Chaves da Inclusión pola conmemoración do 30 Aniversario
  • Novas
  • 06 de marzo de 2020

COGAMI dedica o mes de marzo á muller e nena con discapacidade durante a campaña 12 Chaves da Inclusión pola conmemoración do 30 Aniversario

COGAMI continúa falando de dereitos durante a campaña 12 Chaves da Inclusión, campaña iniciada este ano de conmemoración do 30 Aniversario da Organización. Este mes de marzo estará dedicado ás mulleres e nenas con discapacidade, uns dos grupos de poboación que máis viven a discriminación social, a pesar de ser un grupo maioritario.

En Galicia teñen recoñecido o certificado de discapacidade un total de 115.763 mulleres representando o 51% da poboación total de persoas con discapacidade, das que 2.224 están entre os 6 e os 15 anos. Pese a ser maioritarias, as mulleres con discapacidade son as máis discriminadas, viven unha múltiple discriminación: por ser mulleres, por ter discapacidade e por vivir no rural.

Se se fai referencia ao emprego, segundo os últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística, a taxa de paro entre as mulleres con discapacidade alcanza o 24,6% e tan só o 9,9% da mulleres que teñen discapacidade logran cursos estudos superiores.

En canto á violencia contra a muller, a que ten discapacidade é moito máis vulnerable ante este abuso, sen embargo cando se fai a denuncia, os corpos de seguridade do Estado non teñen ningún indicador que recolla se a muller ten ou non discapacidade. Actualmente, non existen datos reais de violencia contra mulleres con discapacidade. Se para as mulleres sen discapacidade é moi difícil saír da violencia por todos os condicionantes e dependencias psicolóxicas e socioeconómicas ás que se enfrontan, para as mulleres con discapacidade é máis complexo porque os recursos dispoñibles como os centros e pisos de acollida teñen prazas adaptadas reducidas.

Para combater esta situación discriminatoria, dende COGAMI e as súas entidades membro traballan en programas de empoderamento da muller, incidindo dende a infancia porque é a etapa na que pode compartir, xogar, estudar, relacionarse con outras nenas e nenos sen atopar obstáculos que as limiten. É necesario potenciar a participación social dende a infancia.

Dende a área de Promoción da Autonomía Persoal de COGAMI durante este ano 2019 realizaron 240 intervencións con mulleres con discapacidade, dándolle resposta a problemáticas como os desprazamentos dende as zonas rurais, a accesibilidade, o transporte adaptado, o acceso ao mercado laboral ou a falta de apoios a nivel de educación. Durante o ano pasado, ademais, atenderon un total de 1.017 consultas trasladadas por mulleres con temáticas relacionadas coa obtención do certificado de discapacidade, emprego, vivenda, accesibilidade ou tamén prestacións económicas, entre outras.

A entidade membro de COGAMI, a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) desenvolve tamén programas que teñen por finalidade empoderar ás mulleres para que sexan as protagonistas dos seus propios proxectos de vida. Para isto, ACADAR ofrece atención individualizada e especializada, atendendo ás necesidades de cada muller facilitando ferramentas de capacitación e acompañamento na toma decisións.  Adoita ter por ámbito de actuación  maioritariamente o rural galego, onde existen máis dificultades como a falta de recursos e servizos adecuados. En 2019 ACADAR traballou con 300 mulleres.

Nestes trinta anos de traxectoria de COGAMI, o grupo social de persoas con discapacidade avanzou moito, pero aínda queda por facer. Por iso COGAMI lanza a campaña 12 Chaves da Inclusión, na que mes a mes irá desfechando unha pechadura relacionada cun dereito básico. Esta campaña moverase a través das redes sociais co hashtag #30AniversarioCOGAMI.

Se este mes de marzo está dedicado á muller, o resto dos meses englobarán cada un os seguintes: abril saúde; maio a emprego; xuño a economía social; xullo a accesibilidade; agosto a voluntariado; setembro a turismo, lecer e deporte; outubro a movemento asociativo; novembro a infancia e xuventude e decembro a dereitos.