COGAMI desenvolve en Galicia un proxecto piloto de apoio á vida independente das persoas con discapacidade física
  • Novas
  • 24 de agosto de 2018

COGAMI desenvolve en Galicia un proxecto piloto de apoio á vida independente das persoas con discapacidade física


COGAMI está a desenvolver en A Coruña un proxecto piloto que ten como misión a promoción da vida independente das persoas con discapacidade, unha evidencia de que cos apoios necesarios, as persoas con discapacidade poden ter unha vida autónoma e independente, sendo elas mesmas as que toman as súas decisións. Para ilo, o programa presta servizos de asistencia persoal, de apoio ao desenvolvemento persoal e aceso á vivenda de tránsito.

Denominado Servizo de Apoio á Vida Independente (SAVI), este proxecto parte das propias necesidades individuais, traballándose todos os aspectos da persoa, dende a formación ata a busca de emprego a través da asistencia persoal, onde o importante é potenciar a autonomía das persoas participantes do programa e mellorarlles a súa calidade de vida. O foco de atención son as propias persoas, realizándose itinerarios de vida independente baseados nos intereses e necesidades manifestados pola persoa, sendo esta a que tome a súas propias decisións.

Financiado por COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica) a través do IMSERSO, o programa estase levando a cabo simultaneamente en Galicia, Madrid, Castela León e Castela A Mancha. En A Coruña, COGAMI está traballando con persoas usuarias do Centro de Autonomía Persoal de Bergondo (CPAP).

Dende que iniciou este programa no mes de xaneiro, levan participado 13 mulleres e 25 homes, sendo da provincia de A Coruña 13, da de Pontevedra 8, 4 de Ourense, 1 da provincia de Lugo e 1 de Segovia. Coas persoas usuarias traballa un equipo interdisciplinar formado por dúas Traballadoras Sociais, unha Educadora Social e 6 Asistentes Persoais, que se encargan de prestar asesoramento, orientación, información e apoios necesarios para que as persoas poidan realizar o seu proxecto de vida.

Experiencia dun Piso Piloto

SAVI presenta como particularidade a disposición dunha vivenda lanzadeira que permite que as persoas participantes do programa poidan ter unha experiencia real de vivir independentes da súa familia. Para isto, contan co recurso das Asistentes Persoais, un apoio necesario para desenvolver o seu proxecto de vida.

Por esta vivenda, que resultou complicado atopar na área metrapolitana de A Coruña por carecer esta de pisos adaptados e accesibles e cun aluguer asequible á realidade socioeconómica das persoas con discapacidade, xa pasaron 9 persoas e está previsto que nos próximos meses, ata que o programa finalice en decembro, pasen outras 8 persoas máis. Durante quince días as persoas poden experimentar dentro deste piso piloto como xestionar a súa vida de maneira independente.

SAVI, ademais do piso piloto, contempla outras accións dirixidas á promoción de vida independente e ao fomento da participación a nivel comunitario, como son a posta en marcha de obradoiros encamiñados a motivar e empoderar ás persoas na toma de decisións, para favorecer o seu desenvolvemento persoal, coñecer os seus dereitos, adquirir habilidades sociais para a convivencia ou afondar no seu autocoñecemento. Tamén desenvolve accións grupais de hábitos de vida saudable, habilidades para as relacións afectivas, deporte adaptado ou manexo de novas tecnoloxías. Moi importante é tamén a participación na contorna na que se vive, polo que tamén se asiste a eventos culturais e de lecer que se organizan pola zona.

Ata o 31 de decembro estará en activo este programa que pretende a través da promoción do servizo de asistencia persoal, da vivenda, da participación inclusiva e da mellora do acceso ao emprego, promover a vida independente das persoas con discapacidade física.