COGAMI e a Deputación da Coruña colaboran nun programa que facilitou a inserción laboral de 955 persoas con discapacidade na provincia
  • Novas
  • 17 de julio de 2020

COGAMI e a Deputación da Coruña colaboran nun programa que facilitou a inserción laboral de 955 persoas con discapacidade na provincia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, reuníronse esta mañá na sede da institución provincial para abordar a colaboración entre ambas entidades.

González Formoso e Anxo Queiruga analizaron os resultados do Servizo de Intermediación Laboral (SIL), un programa que conta co apoio económico Deputación, e que o ano pasado facilitou a inserción laboral de 2.184 persoas con discapacidade en Galicia, 955 delas na provincia da Coruña.

O presidente da Deputación da Coruña gabou o “extraordinario traballo” desenvolvido por un equipo multidisciplinar de profesionais en orientación laboral e axentes de emprego para buscar os perfís profesionais que mellor se adapten ás necesidades das empresas e apuntou que se trata “dunha axuda fundamental para un colectivo con especiais dificultades para acceder ao mercado laboral”.

Neste sentido, destacou que a Deputación incrementou no pasado mandato a súa achega ao programa, pasando dos 60.000 aos 90.000 euros anuais, para manter en funcionamento un servizo que permite que cada ano arredor de 2.000 persoas con discapacidade poidan acceder a un emprego.

Anxo Queiruga incidiu tamén nos bos resultados do SIL e agradeceu o apoio económico da Deputación para o desenvolvemento dun servizo que conta con 18.000 persoas inscritas, 8.033 delas da provincia da Coruña, e lembrou que as especiais dificultades da inserción laboral deste colectivo estanse a agravar polas consecuencias sociais e económicas derivadas da pandemia do Covid19.

O SIL de COGAMI: orientación cara o emprego

O Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI está a disposición das persoas con discapacidade que buscan traballo e tamén das empresas que requiran do seu servizo, como xa leva facendo dende que iniciou en 1996.

Este servizo, colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia e que ten autorización como Axencia de Colocación, se ben está situado nas sete cidades galegas, o equipo de profesionais en orientación laboral e axentes de emprego desprázase tamén ás zonas rurais para atender as súas demandas.

O SIL conta cunha base de datos que actualmente contempla 18.000 persoas inscritas como demandantes deste servizo; e cun equipo formado por 40 profesionais de orientación laboral e axentes de emprego que se encargan de orientar e intermediar entre persoas con discapacidade que queren atopar emprego e empresas que buscan profesionais para cubrir postos de traballo.