COGAMI e a Deputación de A Coruña colaboran nun programa que facilitou a inserción laboral de 936 persoas con discapacidade na provincia
  • Novas
  • 31 de julio de 2017

COGAMI e a Deputación de A Coruña colaboran nun programa que facilitou a inserción laboral de 936 persoas con discapacidade na provincia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, presentaron os resultados do Servizo de Intermediación Laboral (SIL), un programa que conta co apoio económico da institución provincial e que o ano pasado facilitou a inserción laboral de 2.112 persoas con discapacidade en Galicia, 936 delas na provincia de A Coruña.

González Formoso expresou a satisfacción do goberno provincial cos resultados deste programa e anunciou que a Deputación incrementará este ano nun 50% a súa achega económica para contribuír ao seu financiamento, pasando dos 60.000 euros actuais aos 90.000 €. En palabras do presidente da Deputación o “extraordinario traballo” desenvolvido por un equipo multidisciplinar de máis de 40 persoas (orientadores laborais, técnicos de emprego, traballadores sociais…) nas sete sedes de COGAMI para buscar os perfís profesionais que mellor se adapten ás necesidades das empresas. “Cando a crise golpea, o primeiro que se resinte é o emprego, e máis aínda no caso das persoas con discapacidade”, afirmou González Formoso.

O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, subliñou que “o emprego é unha forma de inserción social” que permite desenvolver o proxecto vital das persoas con discapacidade, un colectivo que conta cunha taxa de desemprego que duplica a xeral e a de inactividade é tres veces superior. "Contamos con once iniciativas de carácter social que xeran 1.080 empregos, pero a nosa prioridade é a inserción laboral na empresa privada, porque enriquece un país e normaliza”, apuntou Anxo Queiruga que destacou que os bos resultados do SIL durante o ano pasado “serían inviables sen o apoio da Deputación”.

A bolsa de emprego de COGAMI conta con 12.000 persoas inscritas como demandantes de emprego na provincia, das que 936 lograron inserirse durante 2016 e que están observando que este ano “repunta a contratación”.

Co fin de rachar estereotipos, dende COGAMI realizáronse máis de 300 visitas a empresas, nas que explican as bonificacións e subvencións para a contratación de persoas con discapacidade e ofrecen a súa axuda  na busca das persoas axeitadas aos perfís profesionais requeridos.

Dos preto de 1.000 empregos creados o ano pasado a través do Servizo de Intermediación Laboral na provincia, 345 corresponden á área coruñesa, 231 á de Ferrol e 360 á de Santiago de Compostela.