COGAMI e a USC presentan en Lugo o proxecto Edison para a inclusión laboral
  • Novas
  • 27 de febrero de 2020

COGAMI e a USC presentan en Lugo o proxecto Edison para a inclusión laboral


Presentado en Lugo o Proxecto EDISON, unha iniciativa de micromecenado promovida pola Aula TIC-Pemes (ATP) da USC en colaboración con COGAMI co obxecto de proporcionar formación universitaria a persoas con discapacidade orientada á adquisición de habilidades sociais e persoais para acceder a un posto de traballo de calidade.

Presentada na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, ao acto asistiron a vicerrectora de Coordinación do Campus de Lugo, Montse Valcárcel Armesto, a representante do departamento de Organización de Empresas e Comercialización,  Ángeles López Cabarcos, a representante da aula TIC Pemes, Ana Fernández Pita, ademais do presidente da Federación COGAMI Lugo, José Luis Lolo, o coordinador do centro de recursos Fingoi, Juan Gude Vila, e a orientadora laboral, Tania Castro Lozano.

Este proxecto ten por obxectivo facilitar ao alumnado unha experiencia vital integradora e inclusiva que permita o seu desenvolvemento persoal e profesional. Para ilo, pretende conseguir a mellora da empregabilidade e a inserción laboral a través da formación de persoas en risco de exclusión social, como é o caso das persoas con discapacidade.

O proxecto defínese como un curso de perfeccionamento para o desenvolvemento de habilidades empresariais cuxos eixos básicos son a inclusión, a integración, a formación e a empregabilidade. Está estruturada en cinco meses de formación de carácter teórico e práctico. Os alumnos deste programa, sete persoas todas elas usuarias de COGAMI, contarán coa titoría dos profesores universitarios que se ocuparán da formación teórica ao longo de tres meses. Logo, os beneficiarios completarán unha estadía profesional de dous meses en diversos departamentos das empresas adheridas a esta iniciativa e que, ademais de asumir os custos da matrícula de cada participante, desenvolverán labores de apadriñamento profesional nas súas respectivas sedes e instalacións.