COGAMI e a Xerencia da Estrutura de Xestión Integrada de Santiago de Compostela asinan un acordo de colaboración no marco do proxecto innovador que se leva a cabo nas instalacións do CEGADI
  • Novas
  • 05 de julio de 2019

COGAMI e a Xerencia da Estrutura de Xestión Integrada de Santiago de Compostela asinan un acordo de colaboración no marco do proxecto innovador que se leva a cabo nas instalacións do CEGADI

No día de hoxe, ás 11:00 horas tivo lugar nas instalacións do Centro Galego de Desenvolvemento Integral para persoas con discapacidade (CEGADI), do barrio compostelán de Salgueiriños, a sinatura dun acordo de colaboración entre a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e a Xerencia da Estrutura de Xestión Integrada de Santiago de Compostela (EOXI de Santiago de Compostela) no marco do proxecto innovador centrado na investigación de novas metodoloxías, terapias e intervencións encamiñadas a mellorar a autonomía das persoas en situación de dependencia dende a idade temperá.

Na mesma participaron o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Ildefonso de la Campa Montenegro; a xerente da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela (EOXI de Santiago de Compostela), Eloína Núñez Masid; e o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga.

O obxecto do presente acordo é dar coñecer entre as persoas usuarias dos servizos sanitarios ofertados polo Complexo Hospitalario Clínico Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) este proxecto innovador que consiste no desenvolvemento dun conxunto de intervencións (como poden ser unidades terapéuticas de fisioterapia, terapia ocupacional, logopedia, neuropsicoloxía, psicomotricidade, estimulación sensorial, habilidades sociais, coñecemento dos recursos da contorna, formación, emprego, accesibilidade, etc.) cuxa finalidade é contribuír a que as persoas con discapacidade e/ou en situación de dependencia consigan o máis completo potencial físico, psicolóxico, persoal e social, acadando o maior grao de autonomía e independencia en consonancia cos seus desexos e plan de vida a través do deseño de itinerarios personalizados.

Neste sentido o persoal adscrito aos servizos sanitarios do CHUS ofrecerá información  acerca da existencia e finalidade do mencionado proxecto ás persoas susceptibles de ser beneficiarias do mesmo:

  • Persoas adultas con discapacidade física e/ou orgánica e/ou dependencia ata 60 anos que precisen de apoios para unha recuperación funcional e para a promoción da autonomía persoal, a xuízo do equipo de valoración.
  • Menores dende idade temperá ata a adolescencia con discapacidade física e/ou orgánica e/ou dependencia, que presenten dificultades na adquisición de destrezas motoras, da comunicación e das actividades básicas da vida diaria que repercutan na autonomía persoal, a xuízo do equipo de valoración.

Este proxecto, promovido pola Xunta de Galicia en colaboración con COGAMI, e que se está a desenvolver nas instalacións do CEGADI cunha duración de catro anos, ten carácter experimental polo que, tras validarse os resultados, estes servirán de referencia para formar parte da futura carteira de servizos e accións comúns de prevención das situacións de dependencia e promoción da autonomía persoal para o colectivo de persoas con discapacidade.