COGAMI e ACADAR reúnense coa Xunta para o fomento da autonomía das mulleres con discapacidade
  • Novas
  • 19 de junio de 2020

COGAMI e ACADAR reúnense coa Xunta para o fomento da autonomía das mulleres con discapacidade


O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, e maila presidenta da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR), Mónica Álvarez mantiveron unha reunión por videoconferencia co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda na procura de liñas de colaboración que permitan a mellora da calidade de vida das mulleres con discapacidade.

O Vicepresidente agradeceu o traballo que desenvolven as dúas entidades na atención especializada e integral e a posta de recursos que teñen por obxecto favorecer a plena inclusión social e o acceso ao mercado laboral en condicións de igualdade.

Na xuntanza participou tamén a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación, Natalia Prieto, quen incidiu na necesidade de sensibilizar e concienciar sobre a realidade deste colectivo especialmente vulnerable pola dobre discriminación que afrontan pola súa dobre condición de mulleres e persoas con discapacidade.

Na xuntanza tratouse tamén a importancia de impulsar actuacións específicas para as mulleres con discapacidade que son vítimas de violencia de xénero ou que viviron situacións contra a liberdade e indemnidade sexual, a través da detección e a prevención destes casos.